Solapas principales

Este sábado está programada a última actividade micolóxica organizada para este outono

Martes, 19 de noviembre de 2019

Despois do éxito das outras actividades que se levaron a cabo, este sábado 23 de novembro está programada a última das actividades micolóxicas organizadas polo Concello de Ames para este outono. Será unha nova saída micolóxica en horario de 10.30 a 16.00 horas, con punto de encontro na praza do Concello e posibilidade de ir en autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro. O número de prazas é limitado polo que é necesario inscribirse enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.

Esta segunda saída ao campo forma parte da programación Outono dos Cogomelos, organizada pola Aula da Natureza do Concello de Ames para os meses de outubro e novembro. Así, esta saída desenvolverase fóra do entorno municipal de Ames, máis concretamente, polo Monte Iroite (Lousame-Noia). Haberá un autobús que sairá dende a praza do Concello, ás 10.30 horas, aínda que se alguén prefire ir no seu coche particular tamén pode facelo.

Camiñarase arredor de diferentes hábitats buscando diferentes especies de árbores, xa que dependendo destas atoparanse tamén distintos tipos de cogomelos. A actividade estará dirixida pola experta Sira López, para o mellor coñecemento desta especie de fungos. A idea é facer varios grupos de recollida e logo poñer en común todo o atopado.

Recoméndase levar roupa e calzado de augas e levar algo para xantar. Farase unha parada no merendeiro para comer e descansar e, deseguido, continuarase coa actividade.

Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles, e para poder asistir é necesaria a inscrición. Esta pode formalizarse enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información sobre estas xornadas micolóxicas, pódese chamar ao número de teléfono 660 004 665.

Cartel Outono de Cogomelos

Multimedia

  • Cartel Outono de Cogomelos