Solapas principales

Este mércores e xoves Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”

Lunes, 26 de agosto de 2019

A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, nas que un inquedo xogueteiro irá guiando aos nenos e as nenas polo mundo dos xogos e dos xoguetes miudiños a través de rimas, música, baile e obradoiros. O xogueteiro estará no Milladoiro, no parque dos Piñeiros, ao carón da piscina descuberta municipal, os mércores 28 de agosto e 4 de setembro, mentres que en Bertamiráns estará nos xardíns do Pazo da Peregrina os xoves 29 de agosto e 5 de setembro. A actividade realizarase en ambas as localidades en horario de 18.00 á 20.00 horas. Este é o segundo ano consecutivo que o Concello de Ames conta con esta actividade para despedir o verán e abrir a progrmación infantil con Apego dos últimos meses do ano.

Trátase de catro sesións distintas e independentes dirixidas a un público infantil a partir de 2 anos, nas que se recuperará a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axudará a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos. Xirarán en torno á música, ao xogo libre, aos xogos tradicionais e a obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. Non é preciso inscrición previa e pódese participar nas catro sesións da actividade.

Cé Orquestra Pantasma, entre rimas, música e baile, iranos engaiolando cara a un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. As Bricadeiras combinan un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo libre con brinquedos tradicionais, materiais naturais e obradoiros de creación de xoguetes. Grandes e pequenos compartirán momentos máxicos, cantando, bailando, creando e xogando coa imaxinación como protagonista principal.

Haberá un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana, patacas, landras, palla, follas…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Ademais, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poderán realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.

As xornadas pretenden fomentar a creatividade nos nenos e nenas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre.

Cartel das Brincadeiras Miudiñas de Cé Orquestra Pantasma

Multimedia

  • Cartel das Brincadeiras Miudiñas de Cé Orquestra Pantasma