Solapas principales

Este mércores, 20 de xaneiro, darase a coñecer o/a gañador/a do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro multidisciplinar do Milladoiro

Martes, 19 de enero de 2021

Hoxe, 19 de xaneiro, asinouse o anuncio no que se informa da proposta do xurado do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro multidisciplinar do Milladoiro. Trátase dun edificio dedicado a un centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e a persoas en proceso de inserción socio-laboral, para favorecer a inclusión social e a loita efectiva contra a discriminación. O xurado propón os gañadores/as dos tres premios que se outorgan e dos dous accésits. Os nomes dos gañadores/as coñeceranse mañá, ás 12.30 horas, nun acto público que se desenvolverá no salón de plenos da Casa do Concello e que tamén se poderá seguir de xeito virtual premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Un dos proxectos que se van executar é a creación e dotación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro. Esta actuación enmarcase no Obxectivo Temático 9 para promover a inclusión social e loitar contra a pobreza. Este proxecto ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro.

O obxectivo que se pretende con esta actuación é poñer a disposición da mocidade e das persoas en risco de exclusión social un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación, así como crear un espazo que favoreza a inclusión social e a loita efectiva contra a discriminación.

Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Unha vez finalizado dito concurso, este mércores 20 de xaneiro, darase a coñecer o/a gañador/a do primeiro premio que se encargará da redacción do proxecto e da dirección de obra, así como os/as gañadores/as do segundo e terceiro premio, e dos dous accésits que se outorgan. O primeiro premio, para o proxecto gañador, está dotado de 20.000 euros, que forman parte da contraprestación polos traballos de redacción e dirección de proxecto; o segundo premio contempla 6.000 euros; e o terceiro premio dispón de 3.000 euros. Ademais, hai dous accésits dotados de 500 euros cada un.

A proposta gañadora obtivo un total de 91 puntos. A segunda mellor proposta obtivo 83 puntos e a terceira 73. Os dous accésits son para a cuarta mellor proposta que tivo 71 puntos e para a quinta mellor proposta que conseguiu 68 puntos. Premendo nesta ligazón podes consultar os “lemas” dos premiados/as.

Retransmisión virtual do acto público
Os nomes dos gañadores/as coñeceranse mañá, ás 12.30 horas, nun acto público que se desenvolverá no salón de plenos da Casa do Concello. En dito acto abrirase o sobre A co obxectivo de coñecer os gañadores/as do concurso de ideas. Debido á situación sanitaria actual o acto poderase seguir tamén de xeito telemático premendo nesta ligazón.

Para seguir o acto de xeito virtual recoméndase usar o navegador Google Chrome. Unha vez aberto o enlace e antes de solicitar unirse á reunión é preciso comprobar que a cámara estea activada e desactivar o micrófono. Despois hai que solicitar unirse á reunión e agardar a que se autorice dita participación. Todos os asistente participarán en calidade de convidados/as e non poderán intervir durante a sesión.

Composición do xurado do concurso de ideas
O presidente do xurado é o concelleiro de Administración Xeral do Concello de Ames, Víctor Fernández. Como suplente figura a concelleira de Deportes, Susana Señorís. A secretaría corre a cargo de persoal funcionario do servizo de Contratación do Concello de Ames. Os/as vogais son os arquitectos Alberto Redondo Porto e Luís Gil Pita, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e como suplentes figuran os arquitectos Antonio Davila Alonso e Ángel Cid Carballo. O arquitecto representante dos concursantes elixido por maioría é Carlos Quintáns Eiras. Tamén figura como vogal a arquitecta do Concello de Ames, Marta Bellas, e na súa substitución, Anxo Panero Pardo, arquitecto da oficina técnica do Consorcio de Santiago de Compostela.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica que “esta infraestrutura é un dos puntos forte do Plan Impulsa Ames, que permitirá dispoñer dun espazo moi demandado no concello máis xoven de Galicia, e desenvolver unha zona do Milladoiro na que queremos concentrar a actividade xuvenil”.

O presidente do xurado e concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, destaca “a gran repercusión e interese que despertou este concurso, o primeiro que facemos en Ames, xa que son máis de 100 os arquitectos e arquitectas de toda Galicia que se presentaron, o cal da un espaldarazo moi importante a este proceso participativo e ao proxecto, que terá unha gran calidade debido a gran cantidade de propostas presentadas”.

Parcela para o centro multidisciplinar do Milladoiro