Solapas principales

Este luns 8 de abril ponse en marcha a campaña para minimizar a expansión da avespa velutina

Sábado, 06 de abril de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, pon en marcha dende o 8 de abril, unha campaña para tratar de mitigar a expansión da especia invasora da avespa velutina. Dese xeito, comenzarase co reparto do material para o trampeo da avespa velutina no municipio. O persoal do departamento de Medio Ambiente será o encargado de ceder 100 unidades de líquido atrainte de raíñas. Ao mesmo tempo, achéganse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies. Cómpre lembrar que cando se atopa un niño de avespa velutina hai que chamar ao 012.

A Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural pon en marcha, por sexto ano consecutivo, a campaña de captura responsable de raíñas de avespa asiática (avespa velutina). Ao igual que en anos anteriores, as trampas que se coloquen durante este primeiro período (de abril a xuño) estarán dirixidas á captura de raíñas, que nesta época do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta fase o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes despois da primeira etapa.

As persoas que colaboran nesta acción deben asinar un compromiso para garantir que o trampeo se realizará só durante os meses de abril e xuño, e exclusivamente co líquido facilitado polo departamento municipal de Medio Ambiente. Mediante estas medidas espérase minimizar ao máximo o uso de produtos que poidan alterar ou eliminar outros insectos ou plantas de forma colateral, actuando en exclusiva durante o tempo de voo das raíñas desta especie de avespa.

O Concello fará un seguimento telefónico do proceso para ir avaliando en que parroquias e zonas do municipio hai unha maior incidencia desta especie invasora. Ademais, no momento do reparto daranse unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas e a utilización do líquido atrainte. Finalizado o período de trampeo informarase sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, indica que “dende o Concello anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa, que é a maneira máis eficaz de poder controlar a avespa velutina Esta campaña céntrase no reparto de líquido atrainte especialmente para raíñas, xa que diminuír o seu número e o mellor xeito de baixar a presenza de numerosas obreiras durante o verán. Igual que os pasados anos a Aula da Natureza fará un seguimento da campaña e fará un informe final sobre o resultado da mesma”.

Colocación de trampas
As persoas interesadas en colaborar nesta campaña poderán solicitar unha destas unidades de liquido atrainte a través da Aula da Natureza, enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 660 004 665, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A asignación farase por orden de solicitude ata esgotar as unidades destinadas a esta campaña.

Aviso de niños de avespa velutina
O Concello de Ames está adherido ao convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP  para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (avespa velutina) no ano 2024. Este convenio establece que todos os avisos sobre a presencia de niños se canalizarán a través de chamadas ao 012.

Será obriga da Comunidade Autónoma de Galicia informar ás entidades locais da xestión de todos os avisos de niños recibidos por esta canle respecto do seu ámbito territorial, así como garantir nos concellos a xestión dos avisos de presenza de niños de avespa velutina segundo o Programa de vixilancia e control fronte a avespa asiática, o que suporá a  eliminación/neutralización de niños activos de avespa asiática ou realización daquelas outras actuacións que procedan cun tempo de resolución dos avisos dun máximo de 5 días hábiles.

Por outra banda, o Concello de Ames comprométese a a simplificar e facilitar os labores de retirada e eliminación de niños de avespa velutina, así como a impulsar, promover e difundir entre os seus administrados e o seu persoal a información relativa ao programa de retirada de niños de avespa velutina da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames inicia este lunes la campaña para combatir la expansión de la avispa velutina"

El Correo Gallego: "Reparto amesán de líquido contra as velutinas e Mes do Libro con Charo Pita mais Labraña"

Ponse en marcha a campaña para minimizar a expansión da avespa velutina

Multimedia

  • Ponse en marcha a campaña para minimizar a expansión da avespa velutina