Solapas principales

Este domingo celébrase o XIV Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas do Concello de Ames

Viernes, 30 de mayo de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza a  XIV edición do Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais. A cita terá lugar este domingo 1 de xuño, a partir das 12:00 horas, no pavillón municipal de Bertamiráns. O evento conta coa colaboración do  Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e o Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro. O programa inclúe  varias exhibicións dos distintos grupos de patinaxe das escolas deportivas municipais.

O pavillón municipal de Bertamiráns acollerá este domingo 1 de xuño o XIV Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames, un evento deportivo no que participarán as rapazas e rapaces das escolas municipais de patinaxe artística. Ao longo de toda a mañá realizarán diversas coreografías grupais nas que interpretarán diferentes ideas e temáticas e, ademais, amosaranlle ao público o aprendido ao longo de todo este curso 2024-2025.

As portas do pavillón abriranse ás 11:35h e ás 11:50 farase unha presentación do encontro. A partir das 12:00 horas comezarán as exhibicións dos grupos de categoría base.

Abrindo o encontro, actuará o grupo 1 de Bertamiráns con “Ritmo e rodas na pista”, que ofrecerán unha actuación da coñecida película Grease. De seguido, o grupo 0 do Milladoiro con “O baile dos xoguetes”, no que transformarán a pista de patinaxe nun cuarto de xogos. O terceiro grupo de actuar será o de Batouta con “3...2...1… Despegue!”, e tratarán de achegarnos ata a Lúa. Pechando esta primeira parte do encontro, será a quenda do grupo 4 de Bertamiráns con “Cupidos en apuros”, no que a actuación xirará arredor do amor e das frechas máxicas de Cupido.

Tras as actuacións dos grupos de categoría base, será o quencemento do CPA Omega e a exhibición da patinadora de categoría nacional do CP Sarela, María Peña, actual campioa provincial na categoría senior.

A continuación, será a quenda dos grupos de categoría avanzada. O primeiro en actuar será o grupo 2 de Bertamiráns con “Pandora: o inicio do fin”, no que tratarán de acabar coa caixa que garda todos os males do mundo. De seguido, será a quenda do grupo 2 do Milladoiro con “O noso soño “Chegar a ser olímpicos””, unha actuación que reflexionará sobre o esforzo, constancia e ilusión para que algún día a patinaxe artística chegue a ser unha disciplina olímpica.

A terceira exhibición en categoría avanzada virá da man do grupo 3 de Bertamiráns con “Fíos de loita”, cunha actuación que narra a historia de mulleres que formaron parte da loita pola igualdade. Pechando este bloque, será a quenda do grupo 1 do Milladoiro con “Un billete para a fortuna”, unha historia dunha fortuna que che pode cambiar a vida.

No derradeiro bloque de exhibicións, actuarán o CPA Omega e a patinadora de categoría nacional do CPA Sarela Inés Peña, oitava clasificada no Campionato de España,  terceira na Interland Cup que se celebrou en Alemaña e actual campioa provincial na categoría junior.

O evento rematará arredor das 13:35, cun desfile final das persoas participantes e a entrega de medallas e diplomas ás patinadoras e patinadores participantes.

Este domingo celébrase o XIV Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas do Concello de Ames