Solapas principales

Este domingo, 6 de setembro, continúa o ciclo “Musica na noite” coa actuación de Havana Group en Bertamiráns

Sábado, 05 de septiembre de 2020

Continúa a programación do ciclo “Música na noite”. Quedan tres concertos que se desenvolverán durante este mes de setembro. O primeiro celébrase este domingo, 6 de setembro, ás 20.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns, a cargo de Havana Group. Este concerto é de balde e o aforo limitado para manter a distancia e as medidas de seguridade e hixiene que impón a loita contra a Covid-19. Esta iniciativa forma parte do programa AmesON, encadrado no Plan Reactiva Ames, co que o Concello pretende dinamizar os sectores cultural e comercial de Ames.

A primeira sesión de setembro do ciclo “Música na noite”, realizarase este domingo, 6 de setembro, ás 20.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. Compoñentes de varias orquestras galegas que residen no noso concello xúntanse para interpretar música cubana tradicional. Deste xeito, a actuación de Havana Group será unha boa ocasión para bailar a ritmo de clásicos que todos e todas temos na memoria.

A segunda sesión queda para o próximo xoves, 10 de setembro, ás 18.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Nesta ocasión a veciñanza amesá poderá gozar da actuación do trío acústico VAG. Este concerto estaba programado para o pasado domingo, 16 de agosto, pero houbo que suspendelo pola choiva. Deste xeito a veciñanza amesá poderá gozar do pop rock nacional e internacional que está presente no repertorio do trío VAG.

Monoulious DOP en acústico
O ciclo “Música na noite” remata o vindeiro sábado, 12 de setembro, coa actuación de Monoulious DOP en acústico. Será na praza da Maía, en Bertamiráns. Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para Internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que suban á rede videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público.

Este empuxe é o que os leva a montar unha banda en clave de rock. Após dun bo número de concertos, na primavera de 2017 a banda edita o seu primeiro traballo, un dobre LP baixo o nome de “LP Padre”. O disco foi presentado en festivais e nas mellores salas galegas.
 

Cartel da actuación de Havana Group en Bertamiráns

Multimedia

  • Cartel da actuación de Havana Group en Bertamiráns
  • Cartel da actuación do trío VAG no Milladoiro
  • Cartel da actuación de Monoulious DOP na praza da Maía, en Bertamiráns