Solapas principales

Esta semana remata o ciclo “Música na noite” coa actuación do trío VAG e de Monoulious DOP

Miércoles, 09 de septiembre de 2020

Esta semana remata o ciclo “Música no noite”, que se enmarca dentro do programa AmesOn, para dinamizar o sector cultural e mailo comercio de Ames. Deste xeito, este xoves, 10 de setembro, ás 18.00 horas, actúa o trío VAG na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. O sábado, 12 de setembro, pechase dita programación coa actuación de Monoulious DOP, ás 22.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. Este concerto será retransmitido vía streaming en modo proba.

O ciclo de “Música na note” comezou o pasado 17 de xullo coa actuación de Diego Barbazán e Zeus RB. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, diferentes artistas pasaron polas prazas do concello de Ames para achegarlle a súa música á veciñanza amesá. Este ciclo enmárcase no programa AmesOn, para dinamizar o sector cultural e mailo comercio de Ames.

A primeira sesión desta semana será este xoves, 10 de setembro, ás 18.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Nesta ocasión a veciñanza amesá poderá gozar da actuación do trío acústico VAG. Este concerto estaba programado para o pasado domingo, 16 de agosto, pero houbo que suspendelo pola choiva. Deste xeito a veciñanza amesá poderá gozar do pop rock nacional e internacional que está presente no repertorio do trío VAG.

Monoulious DOP en acústico
O ciclo “Música na noite” remata o sábado, 12 de setembro, coa actuación de Monoulious DOP en acústico. Será na praza da Maía, en Bertamiráns. Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para Internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que suban á rede videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público.

Este empuxe é o que os leva a montar unha banda en clave de rock. Após dun bo número de concertos, na primavera de 2017 a banda edita o seu primeiro traballo, un dobre LP baixo o nome de “LP Padre”. O disco foi presentado en festivais e nas mellores salas galegas.

Retransmisión vía streaming
O concerto de Monoulious DOP será transmitido vía streaming en modo proba. Dende o departamento de Comunicación vaise iniciar un proxecto de retransmisión vía streaming de diferentes eventos municipais que organiza o Concello de Ames ao longo do ano. Este será o primeiro evento que se transmita vía streaming e farase en modo proba. Para acceder á canle directo da web municipal haberá que premer nun banner que estará colocado na cabeceira da páxina de inicio da web municipal.

A concelleira responsable das áreas de Comunicación e Cultura, Natividade González, explica que “debido á Covid-19 houbo unha serie de cambios nos hábitos dentro do consumo cultural, o sector musical ten a necesidade de reinventarse, debido aos límites de aforo e horarios, e durante a pandemia houbo moitísimas iniciativas para ofrecer concertos en streaming. En Ames este sábado poñeremos en marcha un deseño mixto, un concerto en directo, con público asistente, que será retransmitido vía streaming, para toda aquelas persoas, que por razón de horario e aforo, non poden asistir, e así poder chegar ao máximo número de persoas”.

Cartel informativo da actuación de Monoulious DOP en acústico

Multimedia

  • Cartel informativo da actuación do trío VAG en acústico
  • Cartel informativo da actuación de Monoulious DOP en acústico