Solapas principales

Está aberto o prazo para participar no certame Enreguéifate impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo

Viernes, 08 de mayo de 2020

O proxecto Enreguéifate ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos e  promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Debido ás circunstancias extraordinarias que estamos a vivir, nesta edición suspendéronse os obradoiros que se ían a impartir nos centros educativos, pero segue en marcha o certame de regueifa en vídeo e reforzáronse os contidos virtuais con titorias e vídeos con ideas para regueifarmos en confinamento. Estes materias están dispoñibes na páxina web e no Facebook e Instagram do proxecto. Dende o pasado 23 de marzo está aberto o prazo para a presentación de vídeos, que se estenderá ata o 29 de maio.

O certame Enreguéifate, promovido  polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, pretende apoiar e difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso da lingua galega. Un proxecto que se vai consolidando cos anos e que este ano chega á súa terceira edición.

Aproveita a corentena e regueifa en confinamento

A participación no certame é aberta e de balde. Para participar cómpre enviar un vídeo no que, cando menos dúas persoas aparezan regueifando na nosa lingua. Establécense dúas categorías, a xeral, na que pode participar calquera persoa, e a escolar, na que pode participar alumnado de ensino non universitario (calquera nivel de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas). 

En canto aos vídeos participantes, o idioma empregado ten que ser o galego, a temática é libre e en cada vídeo deben aparecer, como mínimo, dúas persoas (pero unha mesma persoa pode aparecer en varios vídeos). A duración da peza audiovisual non poderá exceder de 3 minutos.

En canto ao formato do vídeo, non se establecen restricións, sempre e cando as gravacións se aprecien de xeito claro. Iso si, non se poderán transmitir imaxes ou mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias. A organización descartará aqueles vídeos con contidos que non considere apropiados.

Inscrición e prazos para participar no proxecto

Os vídeos participantes enviaranse a través da web de Enreguéifate xunto co formulario de inscrición cuberto, un formulario que se atopa na propia páxina e á que podes acceder premendo neste enlace.

No caso dos participantes menores de 14 anos, a inscrición deberá facela unha persoa adulta, xa sexa titor/a legal ou docente. Este, deberá indicar no propio formulario que conta coa autorización asinada polos/as seus/súas titores/as legais para que participen e cedan os dereitos de imaxe todas as persoas que aparecen no vídeo. De existir calquera problema ou dúbida, pódese poñer en contacto coa organización a través do correo electrónico info@enregueifate.gal.

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 29 de maio de 2020.

O xurado estará constituído por diversas persoas con experiencia e coñecementos no eido da regueifa e da normalización lingüística e a súa decisión coñecerase a través da páxina web de Enreguéifate e dos perfís do programa nas redes sociais de  Facebook e Instagram. O acto de entrega de premios celebrarase, se as circunstancias o permiten, no mes de xuño, e anunciarase nas redes sociais.

Premios para cada categoría

Haberá os seguintes recoñecementos  en cada unha das categorías (xeral e escolar):

  • Regueifa máis brava: valoraranse os vídeos cun xeito de regueifar máis ousado, garboso, festeiro e divertido.
  • Regueifa máis aguda: valoraranse os vídeos máis enseñosos, creativos e orixinais dende o punto de vista estético.
  • Regueifa máis diversa: valoraranse os vídeos nos que haxa maior heteroxeneidade entre as persoas participantes en canto a sexo, idade, nacionalidade, etc.
  • Regueifa máis reivindicativa: valoraranse os vídeos cunha temática crítica ou satírica, tendo tamén en conta o tratamento de asuntos de actualidade.
  • Regueifa mellor cantada: valoraranse os vídeos nos que se demostre unha mellor entoación, afinación e ritmo musical.
  • Regueifa mellor falada: valoraranse os vídeos nos que se demostre unha mellor calidade lingüística, tendo en consta o uso coidado, correcto e non sexista da lingua galega en todas as súas variantes dialectais.
Cartel Enregueifate
Descargas: 

Multimedia

  • Cartel Enregueifate
  • Bases Enreguéifate 2020