Solapas principales

Está aberto o prazo de inscrición para participar na primeira Festa do Apego de Ames

Lunes, 07 de septiembre de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a primeira Festa do Apego de Ames, que se desenvolverá o venres, 11 de setembro, pola tarde e mais o sábado 12 durante todo o día. As actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá teatro infantil, contos, cantos de berce, concertos, unha foliada e moitas actividades máis. O prazo de inscrición para participar nas diferentes actividades que se organizan está aberto ata este mércores 9 de setembro. O impreso de inscrición nas actividades, o cartel e mais a programación da Festa do Apego pódese obter premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova.

Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, e contribúe á socialización en galego das crianzas con actividades en recursos. O programa Apego ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos.

Este programa, que xa está moi consolidado entre as familias de Ames, vai ofrecer o que será a primeira festa do Apego de Ames. O Pazo da Peregrina e mais o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerán as diferentes actividades desta gran festa. As actividades comezarán o venres, 11 de setembro, ás 17.00 horas, no Pazo da Peregrina, co obradoiro de cantos de berce O son que me arrola, que contará con música en directo. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

As actividades do venres continúan ás 19.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns coa obra de teatro Ris Ras, da compañía Baobab Teatro. Trátase dunha viaxe musical a través de xogos, enredos e outras historias, que está dirixida a nenos e nenas de 0 a 8 anos.

Programación do sábado 12 de setembro
O sábado 12 de setembro as actividades comezarán ás 11.00 horas no Pazo da Peregrina coa compañía Topa de Trapo. Esta compañía porá en escena o espectáculo Barquiño de Pau, que está dirixido a crianzas de 0 a 6 anos. Trátase dun espectáculo de teatro de obxectos e música para explorar os sentidos e as emocións.

A continuación, ás 12.00 horas, tamén no Pazo da Peregrina, haberá unha sesión de narración oral denominada Contos, lerias e cousas pequenas, a cargo de Vero Rilo, para nenos e nenas a partir dos 3 anos. Ás 13.00 horas chega Pakolas ao Pazo da Peregrina para ofrecer un divertido concerto con cancións para rockear, soñar, aprender e non parar de bailar.

Pola tarde, haberá dúas actividades no Pazo da Peregrina: ás 17.00 horas impartirase a sesión de contos Carvalho Calero no Carreiro, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Trátase de contos e cantos da tradición oral galega e portuguesa, que están dirixidos a un público familiar. Ademais, ás 18.30 horas haberá unha Foliada con Apego dinamizada por Silvia Cerneira da Banda da Balbina.

Por outra banda, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas, Magín Blanco e a Banda das Apertas ofrecerán un concerto de música infantil para cantar e bailar en familia.

Actividades permanentes
Ao longo de todo o día haberá dúas actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 10.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Unha delas será o Espazo Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que a pon a dispor das familias. A outra actividade permanente será o Espazo recursos, no que haberá unha ampla mostra de recursos para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e asesoramento a cargo de Fabaloba.

Inscrición nas actividades
O Servizo de Normalización Lingüística pon a disposición da veciñanza amesá unha ficha que haberá que cubrir coas actividades nas que se desexa participar. Unha vez cuberta hai que enviala por correo electrónico ao enderezo: normalizacion@concellodeames.gal. O prazo de inscrición para participar nas diferentes actividades que se organizan está aberto ata este mércores 9 de setembro. O impreso de inscrición nas actividades, o cartel e mais a programación da Festa do Apego pódese obter premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova.

Cartel da Festa do Apego de Ames

Multimedia

  • Cartel da Festa do Apego de Ames
  • Cartel de Barquiño de Pau
  • Cartel da Foliada con Apego
  • Cartel de Magín e a banda das apertas
  • Cartel de O son que me arrola
  • Cartel do concerto de Pakolas
  • Cartel de Ris Ras
  • Cartel de Contos, lerias e cousas pequenas
  • Cartel de Carbalho Calero no Carreiro
  • Cartel de Espazo Recursos