- Tematica
A Escola Municipal de Teatro de Ames celebra este mes de xuño as diversas actuacións de clausura para pechar este curso académico 2025-2026. Nelas, o alumnado representará varias obras adaptadas. Pola súa banda, o grupo municipal de teatro tamén pechará o curso este mes coa representación de “Mobilizad@s”, nos auditorios de ambas localidades. Os convites xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que queden convites dispoñibles, poderán adquirirse o día da función correspondente nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou Milladoiro.
Xuño chega cargado de teatro en Ames. A Escola Municipal de Teatro celebra as súas funcións de fin de curso cunha programación aberta ao público nas Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. Contos reinventados, historias policiais, viaxes no tempo e creacións colectivas protagonizarán unhas xornadas nas que o alumnado amosará sobre o escenario todo o aprendido durante o ano.
Deste xeito, o xoves 4 e o martes 9 de xuño haberá funcións de teatro na Casa da Cultura de Bertamiráns. O día 4 actuará o grupo inclusivo, coa obra “A eclipse”, ás 16.30 horas. Xa o día 9, será a quenda do grupo infantil (6º infantil, 1º e 2º de primaria), que presentarán a peza “Tufina, unha princesa pouco fina” ás 17.30 horas; o grupo infantil (de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria) coa obra “Un accidente inesperado” ás 20.00 horas, e o grupo xuvenil (educación secundaria) coa peza “A máquina do tempo”, que actuarán ás 20.30 horas.
Doutra banda, o mércores 10 de xuño, as representacións terán lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta xornada actuará ás 17.30 horas o grupo infantil (6º de infantil, 1º e 2º de Primaria) representando “Unha historia de carapuchiñas” e ás 20.00 horas será a quenda do grupo xuvenil (educación secundaria) con “Historias dunha comisaría”.
Estrea de “Mobilizad@s”
Tamén pechará a súa actividade neste curso o grupo municipal de teatro coa estrea, o 5 e 12 de xuño no Milladoiro e Bertamiráns, respectivamente, da peza “Mobilizad@s”. Ambos pases comezarán ás 20.30 horas.
Tes medo de quedar atrás no moderno mundo dixital? Hai demasiadas cousas novas que non controlas? Vai todo tan rápido que nin te decatas do que pasa? Non te preocupes! A nosa excelente Intelixencia Artificial axudarache a triunfar nesta era das pantallas. Ela dirache o que tes que facer, como tes que comportarte, o que debes desexar e como facer para conseguilo. Ti non te preocupes! Xa non terás que pensar nunca máis!
O grupo da Escola Municipal de teatro de Ames crea esta comedia sobre as dificultades do mundo moderno: exposición pública, timos, presións nas redes... Unha reflexión cómica e paródica feita desde o escenario para tomarnos con moito humor os cambios dos novos tempos.






