- Tematica
A Escola Municipal de Teatro vén de anunciar as prazas que quedaron sen cubrir para cada un dos grupos ofertados para o vindeiro curso 2026-2027. Deste xeito, as persoas interesadas poderán inscribirse no grupo de secundaria do Milladoiro, no grupo de 1º, 2º e 3º de primaria de Bertamiráns e no grupo inclusivo, que este ano pasa a impartirse no Milladoiro en horario de 17.00 a 18.00 horas.
Coa chegada do novo curso, a Escola Municipal de Teatro anuncia as prazas vacantes para os distintos grupos que a compoñen. Estes ocos libres son os seguintes:
> Bertamiráns:
-Teatro infantil e xogo dramático (1º, 2º, e 3º de primaria): 7 prazas
> O Milladoiro:
-Teatro formativo e lúdico (grupo de secundaria): 1 praza
-Teatro inclusivo: 2 prazas
Os demais grupos xa contan con todas as súas vacantes ocupadas. As prazas dos grupos que aínda non estean completos adxudicaranse por orde de entrada da ficha de inscrición no Rexistro. Os prezos públicos pódense consultar no documento que se atopa ao pé desa nova.
Anotacións e pagamento
Para anotarse haberá que cubrir o impreso de inscrición e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro.
Logo da comprobación por parte do departamento de Cultura da existencia de praza vacante, enviarase á persoa interesada a confirmación de praza e a folla de autoliquidación para que proceda a facer efectivo o pagamento.
No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderase descargar o documento de pago e aboar o importe a través do enlace da Oficina Virtual Tributaria. Excepcionalmente poderase solicitar o impreso de pagamento de xeito presencial na oficina de Recadación do Milladoiro, na rúa da Viorneira, número 6; ou na oficina de Recadación de Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6. Tamén se pode solicitar en horario de tarde os luns e mércores, de 16:15h a 18:30 horas. No caso de non recibilo poden solicitalo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 884 896.
As solicitudes que non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de agarda por se houbese algunha baixa ao longo do curso. As clases darán comezo o 15 de setembro en Bertamiráns e o 16 de setembro no Milladoiro.





