Solapas principales

A Escola de Música Municipal de Ames celebrará dous concertos de Entroido os días 15 e 17 de febreiro

Sábado, 11 de febrero de 2023

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vai realizar, un ano máis, unha serie de actuacións co galo do Entroido. Nesta ocasión, terán lugar dous recitais: o primeiro, que se celebrará o vindeiro mércores, 15 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, contará coa participación dos rapaces e rapazas máis cativos da escola, que están dando os seus primeiros pasos no mundo da música. Doutra banda, o venres, día 17, ás 19:30, actuarán no mesmo lugar aqueles que xa contan cunha ampla bagaxe musical. En total, participarán arredor de 120 alumnos e alumnas.

No concerto miúdo, o que terá lugar o día 15, interpretaranse un total de 18 pezas. O recital dará comezo coa actuación do grupo de música e movemento, que mostrará a marcha Radetzky de J. Strauss con percusión corporal. Ademais, ofrecerá ao público a interpretación da canción do martes de Entroido. Pola súa banda, a agrupación de violín tocará “Only Time”, de Enya, e “Hallelujah”, de Leonard Cohen.

A continuación, o alumnado de linguaxe musical chegará co tema “Astronomy”, de Coffin Dance; mentres que o grupo de frautas tocará “La doncella”, “Bransle”, de Gervaise, e unha canción popular sueca. Os rapaces e rapazas de canto moderno e guitarras interpretarán “Rise Up”, mentres que o combo de voces cantará “Cup” e “Happy”.

Na quenda do alumnado de piano, os espectadores poderán gozar de “Quiet room”, “La dispute” e “Where is my mind”. Finalmente subirán ao escenario o combo xuvenil, para interpretar “Sugar”, “Zapatilla” e “La bamba” e o combo da EMMA, que amosará a interpretación de “Camiñando” e “YMCA”.

Recital do venres 17
Por outro lado, o día 17 daráselle continuidade ás actuacións, desta vez de man do alumnado que conta con máis experiencia e bagaxe musical. Abrirán o recital as voces de adultos, de linguaxe musical, co tema “No woman, no cry”, de Bob Marley. Posteriormente, a agrupación de violín tocará unha canción de The Eagles, “Hotel California”, e outra de Beach Boys, “California dreamin’”. Os alumnos de frauta interpretarán o Rondo I de Ignaz Pleyel, mentres que as guitarras escolleron “Samba pa’ ti”, “I shot the sheriff” e “Baby blues”.

As actuacións que os seguen son as dos catro combos que participarán no concerto: o de folk, o xuvenil, o da EMMA e o de adultos. No caso do combo de folk, os temas escollidos son muiñeiras e a “Rumba de montealegre”. O xuvenil e o da EMMA optarán novamente por “Sugar”, “Zapatilla” e “La bamba”; e “Camiñando” e “YMCA”, respectivamente. Remará o concerto o combo de adultos, con “Insurrección”, “La Flaca” e “Me muero”.

Cartaz dos concertos de Entroido da EMMA

Multimedia

  • Cartaz dos concertos de Entroido da EMMA
  • Imaxe de arquivo do alumnado da EMMA