Solapas principales

A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira

Sábado, 20 de junio de 2026

A Escola de Karate Dokkodō asinou o pasado sábado, 13 de xuño, en Cedeira, outra actuación extraordinaria para pechar o circuíto oficial da Liga Galega de Karate. O club amesán reafirmou o seu gran momento de forma ao repetir, por segunda xornada consecutiva, o segundo posto no medalleiro xeral de clubs de Galicia. O club amesán sumou 18 medallas e conquistou seis prestixiosos títulos de Grand Winner da tempada.

O balance final nesta xornada definitiva foi de 18 medallas (nove ouros, tres pratas e seis bronces), ás que se sumaron catro diplomas. Este resultado foi posible grazas ao gran rendemento tanto nas categorías de iniciación como nas de avanzado. Ademais, a regularidade de todo o ano viuse recompensada coa proclamación de seis deportistas da escola como Grand Winner das súas respectivas categorías, o máximo recoñecemento individual do circuíto galego. Entre eles destacaron especialmente Tiago Blanco e Vera Quintás, que acadaron o dobre galardón de Grand Winner, tanto na modalidade de kata como na de kumite, así como Raúl Rodríguez e Jadel Rodríguez, que se coroaron como os competidores máis regulares do ano en kumite.

A xornada deixou grandes triunfos na modalidade de kata, onde Vera Quintás e Tiago Blanco lograron a medalla de ouro en categoría alevín avanzado, demostrando o excelente nivel técnico da escola. Os máis pequenos sumaron valiosos bronces da man de Breixo Regueiro en avanzado e Gabriel Vázquez e Erea Regueiro en iniciación da categoría benxamín, e de Martín Campos e Uxía Regueiro en categoría infantil iniciación. Arturo García completou o medalleiro de kata cun bronce en cadete avanzado, mentres que Xián Blanco, Martina Barreiro e Santiago Ribas sumaron tres diplomas.

No apartado de kumite (combate), a eficacia da escola amesá volveu ser sobresaínte con seis novos campións. Vera Quintás logrou un espectacular dobrete ao gañar tamén o ouro en alevín avanzado -26 kg, un éxito que compartiu no chanzo máis alto do podio con Xián Blanco (infantil avanzado -45 kg), Iván Carballo (xuvenil iniciación -45 kg), Martina Barreiro (xuvenil avanzado -47 kg), Martín Carballo (cadete iniciación -52 kg), Arturo García (cadete avanzado >70 kg) e Raúl Rodríguez, que volveu gañar na categoría júnior -61 kg.

As medallas de prata nesta modalidade foron para Tiago Blanco e Jadel Rodríguez en avanzado e Martín Campos en iniciación, tras asinar unha competición impecable en cadansúa categoría, mentres que Uxía Regueiro pechou a conta sumando un diploma ao rematar en quinta posición en infantil iniciación.

Desde a dirección do club, queren poñer en valor a evolución humana e técnica do grupo. Por enriba dos títulos, o máis importante desta fin de semana foi ver o progreso de todos dende o comezo da tempada e, moi especialmente, a complicidade que amosaron os competidores maiores, volcándose por completo en axudar, coidar e guiar aos máis pequenos durante toda a xornada”.
A escola amesá pon así o punto final a un circuíto de competicións impecable e enfoca xa a recta final do curso cos vindeiros exames de grao e a súa xornada de clausura de Karate en Familia antes do descanso estival.

A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira

Multimedia

  • A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira
  • A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira
  • A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira
  • A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira