- Tematica
A Escola de Karate Dokkodo de Ames vén de regresar do XLVIII Campionato de España Infantil, celebrado a pasada fin de semana no Palacio de los Deportes de Oviedo, cunha participación de alto nivel. Os cinco deportistas da escola amesá que formaron parte da expedición galega protagonizaron actuacións de gran calidade técnica ante os mellores karatekas do Estado
A xornada do sábado comezou con Tiago Blanco, que na súa terceira participación consecutiva nun Nacional asinou unha actuación moi notable en Kata. Tras gañar con autoridade o seu primeiro encontro, caeu nos cuartos de final nun axustado 3-2 contra Madrid. Na repesca polo bronce, un pequeno desequilibrio deixouno nunha meritoria sétima posición nacional. En Kumite, caeu na primeira rolda sen opción a repesca.
Pola súa banda, Jadel Rodríguez centrou os seus esforzos na modalidade de Kumite, na que era a súa segunda cita nacional consecutiva. Tras vencer con solvencia ao representante madrileño, caeu nas semifinais ante Valencia. Na loita polo bronce, a diferenza de experiencia e percorrido na categoría entre deportistas de primeiro e segundo ano acabou sendo determinante, pechando o campionato cunha quinta posición nacional que o consolida na elite da súa categoría.
O sábado pola tarde foi a quenda de Vera Quintás, que sumaba tamén a súa terceira participación consecutiva. En Kata realizou unha brillante execución inicial, pero no segundo encontro o panel arbitral non valorou un erro técnico da súa rival andaluza, o que a deixou fóra da competición cun 3-2 en contra. Este contratempo condicionou a modalidade de Kumite, onde non puido superar a primeira rolda.
Tamén en Kumite feminino, Martina Barreiro regresou á convocatoria para o nacional tras non estar seleccionada o ano pasado. Malia caer no seu primeiro combate, amosou unha gran actitude e madurez, aproveitando a oportunidade para poñer en práctica o traballo acumulado durante as semanas de preparación.
A participación do club pechouse o domingo coa actuación de Xián Blanco. No que era o seu terceiro Campionato de España consecutivo, asinou un encontro moi serio contra Andalucía que finalmente se resolveu por un axustado 2-1 a favor do rival, sen opción posterior a repescar.
Desde a dirección da escola amesá salientan que “o feito de levar cinco deportistas que repiten convocatoria nacional ano tras ano, reflicte a solidez do traballo desenvolvido en Ames. Máis alá dos resultados, o club regresa a Galicia coa satisfacción de ver crecer a estes deportistas en cada cita nacional, confirmando que o proxecto Dokkodo segue a dar os seus froitos no panorama do karate español”..





