Solapas principales

A Escola Ames Xadrez clasificouse para o campionato provincial, gañando o intercomarcal da zona de Noia

Miércoles, 11 de mayo de 2022

A Escola Ames Xadrez participou o pasado sábado 30 de abril no torneo intercomarcal Xogade da zona de Noia, celebrado en Boiro, onde os tres equipos que competiron nas categorías benxamín, alevín e infantil levaron a vitoria. Deste xeito, quedan clasificados para o campionato provincial que terá lugar na propia Noia o sábado 14. Ademais, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu un torneo Xogade no que participaron unha vintena de nenos e nenas, que acabou gañando o alumno da escola municipal de Bertamiráns Nico Amado.

Continúa a participación da Escola Ames Xadrez, as escolas deportivas de xadrez de Ames, en diferentes torneos e competicións nas categorías benxamín, alevín e infantil. Neste senso, o pasado sábado 30 de abril, a escola municipal desprazouse ata Boiro para disputar o torneo intercomarcal Xogade da zona de Noia, que daba acceso ao campionato provincial que se disputará na propia Noia o próximo sábado 14 de maio.

Finalmente, os tres equipos que participaron nas categorías benxamín, alevín e infantil da Escola Ames Xadrez conseguiron a vitoria. No podio estiveron acompañados do equipo Brétema e do de Cee.

Por outra banda, a Escola Ames Xadrez foi a anfitrioa dun torneo Xogade celebrado en Bertamiráns, no que participaron unha vintena de deportistas, entre eles varios do combinado local.

O torneo tivo un final moi disputado, cun empate a catro puntos dos catro principais contendentes, e que tivo que resolverse co sistema de desempate. Finalmente, o gañador do torneo foi Nico Amado, seguido de Sergio Calvo, reservando o último posto no podio para Pedro Varela. Pola súa banda, na categoría sub8 resultou campión Santiago Landeira.

A Escola Ames Xadrez clasificouse para o campionato provincial, gañando o intercomarcal da zona de Noia

Multimedia

  • Equipo alevín no intercomarcal de Boiro
  • Equipo benxamín no intercomarcal de Boiro
  • Equipo infantil no intercomarcal de Boiro
  • Torneo Xogade de Bertamiráns
  • Torneo Xogade de Bertamiráns
  • Torneo Xogade de Bertamiráns