Cando se cumpren dous anos desde que asumiu a portavocía do BNG en Ames, Escarlata Pampín analiza o camiño percorrido, os retos de facer política desde a oposición e os obxectivos de futuro para o concello. ”Son dous anos de moita intensidade, pero tamén moi enriquecedores. Estar na oposición implica un traballo constante de fiscalización, pero tamén de proposta, e creo que fomos quen de facer ambas cousas con responsabilidade”, salienta. Deste período Pampín destacou o papel do Bloque como “unha oposición firme, propositiva e centrada nas necesidades reais da veciñanza”.
Os nacionalistas levan a cada pleno cinco rogos e cinco preguntas, 55 preguntas e 55 rogos en dous anos co obxectivo de esixir solucións aos problemas da veciñanza amesá, un compromiso que deixan patente tamén nas mocións que presentan. Reclamaron, entre outras moitas cuestións, que se cumpran os ratios nos centros de ensino do concello e que se dote do persoal de apoio e dos especialistas necesarios que permitan a verdadeira integración do alumnado con necesidades especiais, instaron ao goberno municipal a establecer unha planificación concreta con previsión das inversións en instalacións deportivas, a contar cun Plan de Mantemento efectivo e que, a curto prazo, e ante a falta de espazos para a práctica deportiva, se realicen as xestións oportunas para que se poidan empregar, por parte dos clubs e asociacións, tódolos pavillóns dos centros educativos de Ames.
Deste xeito, conseguiron situar no debate asuntos clave como o problema do acceso á vivenda en Ames. Escarlata Pampín viaxou a Bruxelas para reunirse coa Comisión de Vivenda do Parlamento Europeo e demandar o dereito a unha vivenda digna, sostíbel e accesíbel para a veciñanza amesá. “especialmente para a xente nova e as familias con ingresos medios é case imposible, polos prezos e porque a oferta dispoñible non cobre a demanda, isto implica que a mocidade non pode emanciparse, as familias teñen que marchar a outro Concello, aumenta a desigualdade e o crecemento do concello vólvese desequilibrado,explica Pampín. “Non falamos de números, falamos de xente que traballa en Ames e non pode vivir aquí, de parellas que atrasan proxectos vitais, ou de familias que destinan unha parte excesiva do seu salario ao alugueiro, por iso é necesario cambiar o enfoque das políticas de vivenda: aumentar a oferta accesible, promover vivenda pública e garantir prezos asumibles, salienta. “Garantir o acceso á vivenda en Ames no é só unha cuestión económica, senón de dereito e de futuro para Ames”, conclúe.
En relación a isto, a loita por un transporte digno tanto no rural como nas zonas urbanas amesás é outra das preocupacións recorrentes do BNG, que nestes momentos leva a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para exixir liñas de autobuses suficientes e estábeis con horarios útiles para estudar, traballar e vivir.
A dinamización do comercio amesá foi outra das prioridades dos nacionalistas neste período no que solicitaron en numerosas ocasións axudas e iniciativas para incentivar as compras locais.
A voceira nacionalista foi crítica coa acción do goberno local, “non ten nin propostas nin proxectos novos está a vivir das herdanzas do pasado, moitas delas políticas desenvolvidas polo BNG”, manifestou , “amosa falta de planificación e toma decisións afastadas do día a día da cidadanía”. Fronte a isto, Pampín presenta ao BNG como alternativa real de goberno que “non só fiscaliza, senón que tamén achega alternativas e solucións”.
Escarlata Pampín sostivo tamén que os socialistas “Ignoran as verdadeiras prioridades da veciñanza, como o acceso a unha vivenda digna, cuestión que para o BNG é fundamental. É preciso poñerlle freo dun xeito contundente e decidido mediante, por exemplo, a declaración de zona residencial tensionada ou a posta en circulación do elevado número de inmobles baleiros”.
De cara ao futuro, a formación nacionalista márcase como retos principais resolver a crise habitacional que sofre a veciñanza amesá, o reforzo dos servizos públicos, a mellora da mobilidade e unha planificación urbanística máis sostible, nun contexto de crecemento constante do concello.





