Solapas principales

Entréganse os premios da Campaña “Ilumina o teu sorriso”

Sábado, 06 de febrero de 2021

Ana Balsa Bello recibiu o premio dun teléfono móbil de última xeración e dun circuíto de Spa que lle corresponderon como gañadora do sorteo da campaña “Ilumina o teu sorriso”. A entrega realizouse nas instalacións do Centro Dental Macía, do Milladoiro, patrocinador do premio. No acto de entrega estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, a xerente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, Salomé Blanco, Bea López, da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, o técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago e o director do Centro Dental Macía, Javier Macía.

Ana Balsa, como todas as persoas que participaron no concurso, fixo dúas fotos nas que aparecen dous dos elementos de iluminación de Nadal que este ano colocou o Concello en Bertamiráns e no Milladoiro. Ana elixiu o photocall da praza do Concello e o número 2021 da praza da Maía. As bases do concurso ofrecían as opcións de elixir dous motivos entre os catro propostos: o photocall, o 2021, a árbore de Nadal de 15 metros da praza de Manuel Murguía e a bola xigante que estaba situada na praza da Madalena, no Milladoiro.

A campaña “Ilumina o teu sorriso” está organizada polas tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio (Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar; Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro; e Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames). Ademais, colaboran o Concello de Ames, o Centro Dental Macía e o estudo de fotografía Pixelin Photo.

É o segundo ano que se pon en marcha esta campaña que ten como intención fomentar e dinamizar o comercio local. “Este ano era máis importante que nunca realizar accións deste tipo que motivasen aos nosos veciños e nosas veciñas a facer as súas compras de Nadal no comercio local”, declara a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Paz agradece ás asociacións de comerciantes que se volvesen reunir para sacar adiante o concurso, a Xabier Macías por doar o teléfono e a sesión de spá para o premio e a todos os veciños e veciñas que se animaron a sacar fotografías para participar no concurso”.

Cómpre salientar que coas fotos máis orixinais que se presentaron ao concurso farase unha mostra nun local municipal. Da elección das fotografía e montaxe da exposición encargarase o estudo de fotografía Pixelin Photo.

Entrega de premios

Multimedia

  • Ana Balsa con Javier Macía que dona o premio
  • O premio inclúe unha sesión de spá
  • Foto premiada
  • Foto premiada