Solapas principales

Entregados os premios ás empresas gañadoras do XVI Concurso de Escaparates do Concello de Ames

Miércoles, 16 de febrero de 2022

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames acolleu a pasada tarde a entrega de premios ás gañadoras e gañadores da décimo sexta edición do Concurso de Escaparates. O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e Martín Larre, membro do xurado, foron os encargados de repartir os galardóns, que consistiron nuns trofeos e diplomas, uns adhesivos para os establecementos e uns cheques que suman 3.400 euros. Ademais, foron convidadas as empresas gañadoras da edición 2020, que o ano pasado non tiveron acto por mor da situación epidemiolóxica.

As empresas gañadoras da décimo sexta edición do Concurso de Escaparates do Concello de Ames foran anunciadas o pasado 20 de xaneiro, despois de que o xurado valorara varios factores, como a orixinalidade, a elaboración propia ou a utilización de elementos propios e de materiais de refugallo.

Este ano, o establecemento gañador foi Peluquería Blanco y Negro, do Milladoiro. En segunda posición quedou Kiérete Peluquería, tamén do Milladoiro. O terceiro posto foi para PC Bertamiráns Informática, mentres que a cuarta posición foi para Carnicería Sigüeiro, do Milladoiro.

As persoas que acudiron en representación das catro empresas recibiron uns trofeos e diplomas, uns adhesivos para os seus escaparates, e uns cheques cos seus respectivos premios, repartidos polo alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e Martín Larre, membro do xurado. Nesta edición, a dotación de premios subiu uns 900 euros, ata alcanzar os 3.400 euros. Deste xeito, o primeiro premio recibiu 1.400 euros; o segundo, 1.000 euros; o terceiro, 600 euros, e o cuarto, 400 euros.

Ao mesmo acto foron convidadas as empresas gañadoras da anterior edición, para a cal non se celebrou entrega de premios por mor da situación epidemiolóxica a comezos de 2021. Os cinco establecementos gañadores do ano pasado, Kierete Peluquería, Farmalar, Pico Pao Brunch & Coffe, Núa Moda e Peluquería Blanco y Negro, recibiron un adhesivo e un diploma, xa que as súas respectivas dotacións económicas xa foran entregadas.

Ademais, os membros do xurado das dúas últimas edicións tamén recibiu un trofeo en forma de recoñecemento polo seu labor. O xurado deste ano estivo composto por Roberto Amarelle Garabán, en representación da Agrupación de Protección Civil de Ames; Martín Larre, en representación do voluntariado do Concello de Ames; e Félix Caramés Blanco, en representación da Unión de Consumidores de Galicia.

Pola súa banda, na edición de 2020 o xurado formouno de novo Roberto Amarelle Garabán, en representación da Agrupación de Protección Civil de Ames; Elia Otero Reboreda, en representación do voluntariado da Aula da Natureza do Concello de Ames; e María Teresa Lamas Domínguez, en representación do Voluntariado do Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, tivo unhas palabras de recordo para Antonia Pinto, que foi membro do xurado durante uns anos e faleceu no ano 2020.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, gabou a todas as empresas que participan nun concurso no que vai subindo o nivel. “Agradezo aos establecementos a súa participación ano tras ano. Cada vez poñen máis complicado o traballo ao xurado e así o demostran as puntuacións finais. Grazas tamén aos membros do xurado, que participan e dedican o seu tempo de forma desinteresada a este concurso”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La peluquería Blanco y Negro recoge el primer premio del Concurso de Escaparates de Ames"

El Correo Gallego: "Premio a Blanco y Negro polo mellor escaparate"

Peluquería Blanco y Negro, gañadora do XVI Concurso de Escaparates do Concello de Ames

Multimedia

  • Entregados os premios ás empresas gañadoras do XVI Concurso de Escaparates do Concello de Ames
  • Entregados os premios ás empresas gañadoras do XVI Concurso de Escaparates do Concello de Ames
  • Premiados no Concurso de Escaparates do Concello de Ames
  • Premiados no Concurso de Escaparates do Concello de Ames
  • Premiados no Concurso de Escaparates do Concello de Ames
  • Premiados no Concurso de Escaparates do Concello de Ames
  • Martín Larre, do xurado do XVI Concurso de Escaparates do Concello de Ames