Solapas principales

A EMMA organiza, un ano máis, os seus obradoiros musicais para a veciñanza amesá

Lunes, 13 de febrero de 2023

A Escola Municipal de Música de Ames prepara para o mes de marzo catro obradoiros musicais, dirixidos a persoas de máis de oito anos, e cunha oferta variada de xéneros e disciplinas. Os talleres, pensados para grupos de ata vinte participantes, inclúen propostas de batucada, de música con obxectos, de produción musical e de teatro musical. Teñen un custe de 10 euros, e desenvolveranse todos os sábados do mes, de 11:00 a 13:00 horas, nas propias instalacións da EMMA, en Aldeanova. As persoas interesadas poden inscribirse dende hoxe, luns 13, ata o xoves 23 de febreiro. Para facelo cómpre enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

A EMMA vai realizar, un ano máis, unha serie de obradoiros de música dunha xornada, co fin de fomentar entre a veciñanza amesá unhas condutas saudables que contribúan na súa motivación cara a música e o lecer, e que propicien unha actitude activa e participativa, repercutindo así na mellora da súa calidade de vida. Estes talleres celebraranse durante todos os sábados o mes de marzo.

Cada unha das catro propostas incluirá dúas horas de formación de carácter introdutivo, en grupos dun mínimo de cinco persoas (sempre maiores de 8 anos) e dun máximo de vinte. As temáticas deste ano son a batucada, a música con obxectos, a produción musical e o teatro musical.

Programación para os sábados de marzo
O primeiro obradoiro deste ciclo terá lugar o sábado 4, e estará dirixido pola asociación Trópico de Grelos. A proposta busca achegar á cidadanía á batucada, e experimentar a percusión dun xeito accesible, dinámico e grupal. Os participantes aprenderán así a relacionarse co instrumento a través de xogos rítmicos, entrando nun ambiente festivo que convida ao movemento e ao baile.

O segundo dos cursos celebrarase o 11 de marzo, baixo o nome “Obradoiro didáctico de tubos do mundo”, e xirará arredor da música con obxectos. Neste taller, a veciñanza aprenderá a empregar diversos obxectos cotiáns para facelos soprar como unha frauta e lograr así emitir sons, que se transformen en música. Neste caso, a persoa que o impartirá é o multiinstrumentista Xavier Lozano.

Xa o día 18 de marzo, o produtor Iago Pico achegará aos participantes á produción musical. No taller resumirase como comeza unha idea para unha canción, así como as distintas fases que se traballan ata lograr un resultado final. Desta maneira, farase un percorrido por todos os procesos da produción musical (a preprodución, o rec, o edit, o mix, o master...).

Para rematar proponse un último obradoiro, previsto para o 25 de marzo. Nel, a cantante e actriz Bea García fará unha aproximación ás distintas disciplinas que abarca o teatro musical: a interpretación, a danza, o movemento, a voz... Todo mediante xogos teatrais, nos que se traballarán esas disciplinas. Así, os participantes lograrán adquirir unha certa técnica e tamén aprender a improvisar. O taller finalizará cunha pequena peza musical composta polos propios participantes.

Inscricións e prezos
As persoas interesadas en participar nestes cursos poden realizar a inscrición dende hoxe, luns 13, ata o vindeiro xoves 23 de febreiro, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. O custe de cada curso é de 10 euros.

As prazas serán asignadas por rigorosa orde de inscrición, e confirmadas polo departamento de Cultura a través dunha mensaxe de correo electrónico. Así mesmo, aos participantes confirmados enviaráselles un impreso de autoliquidación do pagamento, e indicaráselles o prazo no que debe realizarse o abono.

Doutra banda, establécense tamén exencións e bonificacións do custe dos cursos. Aquelas persoas que se encontren en situación de emerxencia social poderán gozar do 100% da exención do prezo público, axuntando a documentación específica que acredite tal condición mediante informe dos servizos sociais municipais. Por outro lado, farase unha redución do 50% do prezo público a todos os usuarios inscritos en dous ou máis talleres, así como a todas as persoas que conten con carné de estudante, aos maiores de 60 anos, ás familias numerosas, aos mozos e mozas co carné xove e aos demandantes de emprego. As cantidades aboadas soamente serán devoltas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior.

Cartaz dos obradoiros musicais da EMMA

Multimedia

  • A EMMA organiza, un ano máis, os seus obradoiros musicais para a veciñanza amesá