Solapas principales

A EMMA clausura os obradoiros musicais do mes de marzo, nos que participaron medio cento de persoas

Miércoles, 05 de abril de 2023

Ao longo do mes de marzo a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) organizou catro obradoiros musicais, dirixidos a persoas de máis de oito anos e cunha oferta variada de xéneros e disciplinas. Os talleres incluíron propostas de batucada, música con obxectos, produción musical e teatro musical. En total participaron nas actividades máis de cincuenta persoas.

Os obradoiros tiñan como obxectivo ampliar os  coñecementos sobre un determinado tema, aproveitando as explicacións proporcionadas polos expertos nas materias impartidas nos talleres. Deste xeito, os participantes puideron afondar en distintos aspectos concretos do coñecemento musical da man de expertos moi valorados no mundo cultural.

O primeiro obradoiro deste ciclo tivo lugar o sábado 4, e foi dirixido pola asociación Trópico de Grelos. A proposta buscou achegar á cidadanía á batucada, de xeito que experimentasen a percusión dun xeito accesible, dinámico e grupal. Os participantes aprenderon así a relacionarse co instrumento a través de xogos rítmicos, entrando nun ambiente festivo que convidou ao movemento e ao baile.

O segundo dos cursos celebrouse o 11 de marzo, baixo o nome “Obradoiro didáctico de tubos do mundo”, e xirou arredor da música con obxectos. Neste taller, a veciñanza aprendeu a empregar diversos obxectos cotiáns para facelos soprar como unha frauta e lograr así emitir sons, que se transformaron en música. Neste caso, a persoa que o impartiu foi o multiinstrumentista Xavier Lozano.

Xa o día 18 de marzo, o produtor Iago Pico achegou aos participantes á produción musical. No taller resumiuse como comeza unha idea para unha canción, así como as distintas fases que se traballan ata lograr un resultado final. Desta maneira, fíxose un percorrido por todos os procesos da produción musical (a preprodución, o rec, o edit, o mix, o master...).

Para rematar, o 25 de marzo, propúxose un último obradoiro. Nel, a cantante e actriz Bea García fixo unha aproximación ás distintas disciplinas que abarca o teatro musical: a interpretación, a danza, o movemento, a voz... Todo mediante xogos teatrais, nos que se traballaron esas disciplinas. Así, os participantes lograron adquirir unha certa técnica e tamén aprenderon a improvisar. O taller finalizou cunha pequena peza de teatro musical composta polos propios asistentes.

Así, os participantes dos distintos talleres puideron ampliar os seus coñecementos sobre as propostas presentadas de xeito divertido e práctico, e mostraron unha gran predisposición a aprender da man dos diversos expertos musicais que pasaron pola EMMA.

Participantes do obradoiro de produción musical

Multimedia

  • A EMMA clausura os obradoiros musicais do mes de marzo, nos que participaron medio cento de persoas
  • A EMMA clausura os obradoiros musicais do mes de marzo, nos que participaron medio cento de persoas
  • A EMMA clausura os obradoiros musicais do mes de marzo, nos que participaron medio cento de persoas