Solapas principales

A EMMA celebra cinco audicións musicais previas ao concerto de fin de curso

Miércoles, 24 de mayo de 2023

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, celebra dende o 7 ao 15 de xuño, cinco audicións previas ao seu concerto de fin de curso, que terá lugar o 16 de xuño na praza de Chavián. Os estudantes de guitarra, percusión, saxo, piano, canto e frauta mostrarán o aprendido ao longo do curso a familiares e amizades. As audicións desenvolveranse sempre en horario de tarde, na aula 10 da propia EMMA.

A Escola Municipal de Música encara o final do curso cunha serie de actuacións que se desenvolverán entre o 7 e o 15 de xuño, uns días antes do peche do período lectivo, e co fin de preparar o seu concerto de fin de curso, que terá lugar o venres 16 de xuño na praza de Chavián, en Bertamiráns. Os profesores encargados do desenvolvemento destas actuacións son Antonio Bravo, Amaury Quintero, Sergio Piñeiro, Pilar Martínez, Noelia Ramos e Eva Millares.

As audicións terán lugar na aula 10 da Escola Municipal de Música de Ames, situada en Aldea Nova, sempre en horario de tarde e non antes das 17:30 horas. Os alumnos e alumnas interpretarán diversas pezas de diferentes estilos musicais antes as súas familias, compañeiros e amizades. Tamén poderán asistir a estas audicións aquelas persoas que queiran coñecer o funcionamento da escola e ver o traballo que alí se realiza; así como quen estea pendente da apertura do prazo de inscrición para novo alumnado.

O alumnado de guitarra será o encargado de arrincar as audicións, o mércores 7 de xuño, ás 17:30 horas. A semana posterior, no luns 12 de xuño, terán lugar as actuacións de percusión, ás 18:30 horas.

O martes, día 13, concéntranse as audicións de saxo e piano, que se desenvolverán ás 18:00 e as 19:00 horas, respectivamente. Finalmente, o alumnado de canto e frauta pechará a serie de actuacións, o 15 de xuño ás 18:00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Audiciones de los alumnos de música ante su concierto del día 16 en Ames"

Cartaz das audicións de xuño da EMMA

Multimedia

  • Cartaz das audicións de xuño da EMMA