- Tematica
A actividade proposta para este sábado, 10 de outubro, polo club xuvenil Distrito 13 17, trátase dun Cluedo en vivo por equipos, no que as persoas participantes poderán ser, ao longo de dúas horas de xogo, auténticas investigadoras dun misterio que leva anos sen resolver no Milladoiro. Esta iniciativa desenvolverase entre as 19.00 e as 21.00 horas do sábado no Anexo do Pavillón municipal de deportes do Milladoiro. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.
O encontro comezará cunha historia inicial, tras a que os diferentes equipos terán que ir superando probas, resolvendo enigmas, buscando pistas e conseguindo información que lles permita reconstruír o sucedido. Cada proba superada permitirá achegarse un pouco máis á solución, polo que será fundamental observar, relacionar información, empregar o enxeño e traballar en equipo.
Con esta premisa, o obxectivo é que os participantes sexan os protagonistas desta experiencia de misterio e aventura, e que, mediante a colaboración entre uns e outros, consigan descubrir o que ocorreu e resolver esa incógnita agochada no Milladoiro.
Se as condicións meteorolóxicas o permiten, aproveitaranse tamén os espazos exteriores do Milladoiro, facendo que os equipos teñan que desprazarse e localizar diferentes probas e pistas para avanzar na investigación. En caso de mal tempo, a actividade adaptarase para poder desenvolverse no espazo interior.
Distrito 13 17
O Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17 é un espazo pensado para a xente nova de 13 a 17 anos (nados entre 2013 e 2008) con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes. Este proxecto de lecer busca dinamizar e promover a participación da xuventude a través dunha batería de actividades lúdicas e formativas de diversa temática.
Inscricións
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través deste formulario dixital ou a través do código QR da cartelaría. A data límite para inscribirse será, coma sempre, o xoves previo á actividade. Para calquera dúbida, podes contactar con Anacos Educativos, no email info@anacoseducativos.com ou no teléfono 694 216 484.







