Solapas principales

Dezaoito concellos únense a prol do idioma ao crearen Alingua, unha asociación cooperativa para fomentar proxectos conxuntos de dinamización lingüística

Lunes, 21 de marzo de 2022

Un total de 18 concellos, entre os que se atopa Ames, únense en Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. A organización xorde para lles dar resposta aos múltiples retos de futuro que o galego debe afrontar. Esta iniciativa conxunta trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede. Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir esta mañá en Santiago a presentación da asociación celebrada no Auditorio de Galicia. A concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, participou esta mañá no acto de presentación de dita asociación.

Do nome da asociación xorde alinguar, “verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. Trátase, segundo o propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”. O vocábulo, suposto “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez.

A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da Asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Isamel Ramos e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”,  “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.

Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.

‘Alingua aí!’
A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se está a desenvolver para dar a coñecer a asociación e os seus fins. Baixo o lema Alingua aí, xógase coa propia marca da entidade para comunicar a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.

O conxunto desta primeira iniciativa pretende, en palabras de Rubén Prol, concelleiro de Política Lingüística de Santiago de Compostela, transmitirlle á sociedade ilusión por un idioma a través do cal “nos identificamos ante o mundo”. “En Alingua queremos colocar o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio colectivo, humano, cultural e económico que acubillan os nosos concellos”, sinalou Prol antes de engadir que a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega busca “ser expansiva” e “convida a espertar os sentidos á lingua”. Esta primeira campaña ten un duplo obxectivo: presentar Alingua e animar outras institucións a se adherir.

Funcións e obxectivos
A concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, encargouse de detallar as principais metas desta asociación. “Alingua vén para quedar e vén co obxectivo de se converter nunha organización de referencia no traballo colaborativo en normalización lingüística”, sinalou Pampín ao tempo que adiantou que a entidade “aglutinará a vontade normalizadora das administracións locais” e “facilitará a xestión dos programas”.

Ademais de se converter no axente catalizador para os amentados proxectos colectivos a prol da lingua que xa están en marcha, a asociación buscará promover e dinamizar o uso do galego dende o ámbito dos concellos. Ao tempo, procurarase a coordinación na acción dos servizos de normalización lingüística implicados e prestarase servizo de asesoramento ás entidades asociadas na promoción, impulso e conservación do idioma. Por último, Alingua propiciará a colaboración con outras entidades que teñan entre os seus fins a defensa da lingua.

Á presentación de Alingua asistiron representantes municipais de diferentes concellos. Acudiron o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos Rodríguez. Tamén estiveron presentes a concelleira de Educación de Narón, Mercedes Taibo; a concelleira de Normalización Lingüística da Baña, Lorena Trillo; a concelleira de Cultura de Ribadeo, Pilar Otero;  a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón;  a concelleira de Lingua de Teo, María López Álvarez; o concelleiro de Urbanismo de Moaña, Odilo Barreiro, e a concelleira de Cultura de Ames, Natividad González Rodríguez.

Os grupos parlamentarios tamén acudiron ao acto. O grupo do Partido Popular estivo representado por Ovidio Rodeiro; por parte do BNG asistiron Mercedes Queixas e Daniel Castro, e polo grupo do PSdeG estivo Noa Díaz. A subsecretaria de Política Lingüística, María Lourdes Batán, representou no acto a Xunta de Galicia. Por parte dos grupos municipais do Concello de Santiago, acudiron Javier Fernández, do PSdeG; Marta Lois, de Compostela Aberta, e Goretti Sanmartín, do BNG.

Entre a asistencia, tamén destacou a presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras; da presidenta da Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística, Anxos Sobriño; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, Gabriel Álvarez; María Dolores Candelo, de Nova Escola Galega; e o director do Instituto da Lingua Galega (ILG), Xosé Lois Regueira.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Dezaoito concellos crean o colectivo Alingua para impulsar o galego"

El Correo Gallego: "Ata dezaoito concellos únense a prol do idioma baixo a asociación Alingua"

Enfoques: "Dieciocho Concellos crean la asociación ‘Alingua’ para promover el gallego"

Imaxe da presentación de Alingua

Multimedia

  • Imaxe da presentación de Alingua
  • Imaxe da presentación de Alingua
  • Imaxe da presentación de Alingua
  • Imaxe da presentación de Alingua
  • Imaxe da presentación de Alingua
  • Imaxe da presentación de Alingua
  • Embedded thumbnail for