Solapas principales

Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate

Martes, 03 de marzo de 2026

Tras unha edición de récord, na que foron impartidos máis de cen obradoiros escolares de improvisación oral, o proxecto Enreguéifate convida agora á poboación escolar e á cidadanía de toda Galicia a participar no seu certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición pecha este mesmo venres 6 de marzo. O certame e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e teñen como obxectivo espertar a curiosidade pola improvisación oral en galego, sobre todo entre a mocidade, contribuíndo no proceso á boa saúde da regueifa, unha parte do noso patrimonio oral que experimentou nos últimos anos un grande crecemento en popularidade.

De aquí ao venres, 6 de marzo, quen o desexe pode participar enviando un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre. A inscrición deberá realizarse a través da web do proxecto, www.enregueifate.gal, onde se poden consultar as bases completas.

O certame conta con dúas categorías: unha escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, e outra xeral, onde calquera persoa pode participar independentemente da súa idade e condición. Como en edicións anteriores, outorgaranse oito galardóns por cada categoría, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra e na que, como cada ano, serán convidadas as persoas e as aulas gañadoras do certame.

Baixo o lema Versos doutro universo, esta novena edición do Enreguéifate reforza o carácter expansivo, inclusivo e integrador da regueifa, como o demostra a recente adhesión do concello de Arzúa ao proxecto, nas súas arelas por construír espazos de socialización, expresión e comunidade na nosa lingua para a xente moza.

Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate

Multimedia

  • Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate
  • Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate
  • Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate
  • Derradeiros días para participar no certame do Enreguéifate