Durante o percorrido, Cristina García puxo en valor o traballo do grupo nacionalista que “sempre está escoitando e a carón da veciñanza para trasladar esas propostas e que ó final se convertan en realidades, como no caso desta estrada que atravesa o núcleo de Castrigo” lembrou. Defendeu tamén a importancia do Plan Único (POS) como instrumento para apoiar aos concellos no financiamento de infraestruturas e equipamentos públicos.
A pavimentación desta estrada de Castrigo completarase co pintado de marcas viarias e a limpeza de marxes, xunto con gabias e salvagabias con recuperación da sección hidráulica para garantir o correcto funcionamento hidráulico e a drenaxe do viario.
Este proxecto foi unha das propostas presentadas polo BNG de Ames, xunto con outras demandas como por exemplo: a renovación da ponte de Pedras, cubrir un dos anfiteatros ou a pavimentación do viario de Trasmonte que conecta a AC-544 co núcleo.
Na visita , a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, subliñou que “o arranxo desta estrada de Castrigo é unha demanda que o BNG trasladou en diversas ocasións e por diversas canles, alegrámonos de que finalmente a proposta fose aceptada, o que demostra que con moito traballo e dende unha oposición construtiva se poden acadar resultados”.
A deputada nacionalista, responsable de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, recordou que a Deputación da Coruña investirá preto de millón e medio de euros en obras no Concello de Ames.





