Solapas principales

Dende o roupeiro municipal solicitan roupa para nenos e nenas de 8 a 16 anos

Martes, 08 de septiembre de 2020

A Oficina de Voluntariado de Ames, que xestiona o servizo do roupeiro municipal, solicita unha vez máis a implicación da veciñanza amesá para recadar roupa para nenos e nenas de 8 a 16 anos. Tamén se informa da necesidade de calzado dende o número 34 ata o 44, mochilas, estoxos, roupa e calzado deportivo (tamén do número 34 ao 44)  para adolescentes e roupa para adultos (tallas grandes). Existen dous puntos de entrega de roupa: na Casa da Cultura do Milladoiro, os martes e venres de 9.00 a 14.00 horas, e na Casa da Cultura de Bertamiráns, os luns, mércores e venres, de 9.00 a 14.00 horas. A partir de agora non é necesario sacar cita previa para poder entregar roupa nas Casas da Cultura. Lémbrase que a doazón debe ser de roupa nova ou que estea en bo estado.

A Concellería de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, informa que o roupeiro municipal de Ames xa está inmerso nun novo curso e lanza unha campaña para recoller roupa para nenos e nenas de 8 a 16 anos. Agora mais que nunca, é precisa roupa en bo estado e en bolsas pechadas ou caixas precintadas. Necesítase, sobre todo, calzado dende o número 34 ata o 44, mochilas, estoxos, roupa e calzado deportivo (tamén do número 34 ao 44) para adolescentes e roupa para adultos (tallas grandes).

Situado no edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova, o roupeiro municipal almacena a roupa recollida nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro para a súa posterior distribución entre as veciñas e veciños que a solicitan. A través deste servizo faise fronte ás necesidades básicas de roupa, calzado e aveños das persoas con menos recursos do concello. As persoas voluntarias son as principais responsables do funcionamento deste servizo que está en marcha dende o ano 2003 para atender este tipo de necesidades.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luísa Feijóo, destaca que “tralos meses de verán o roupeiro municipal xa está outra vez a pleno rendemento. Agora, debido ao inminente comezo od colexio necesítase sobre todo roupa para nenos e nenas de 8 a 16 anos. Lembrade entregar a roupa nova ou en bo estado e en bolsas pechadas ou en caixas precintadas. Teño que agradecer a vosa colaboración e doazóns e a labor inestimable das voluntarias sen as cales todo este traballo non sería posible”.

Existen dous puntos de entrega de roupa: na Casa da Cultura do Milladoiro, os martes e venres de 9.00 a 14.00 horas, e na Casa da Cultura de Bertamiráns, os luns, mércores e venres, de 9.00 a 14.00 horas. A partir de agora non é necesario sacar cita previa para poder entregar roupa nas Casas da Cultura. Para poñerte en contacto co roupeiro, podes chamar ao teléfono 662 377 044, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou escribir ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.

Imaxe do servizo do roupeiro municipal

Multimedia

  • Imaxe do servizo do roupeiro municipal
  • Imaxe do servizo do roupeiro municipal
  • Imaxe do servizo do roupeiro municipal