Solapas principales

Dende o roupeiro municipal solicitan roupa para bebés, nenos e nenas de ata 12 anos e roupa de cama

Jueves, 04 de febrero de 2021

A Oficina de Voluntariado de Ames, que xestiona o servizo do roupeiro municipal, solicita unha vez máis a implicación da veciñanza amesá nesta situación económica e sanitaria que se está a vivir. Nesta ocasión, precísase de roupa para nenos e nenas de 0 a 12 anos e roupa de cama de abrigo como mantas, edredóns ou colchas. Existen dous puntos de entrega da roupa, que debe estar embolsada: na Casa da Cultura do Milladoiro e na de Bertamiráns, de 09.00 a 14.00 horas. Lémbrase que a doazón debe ser de roupa nova ou en bo estado.

A situación provocada pola Covid-19 obrigou á Oficina de Voluntariado de Ames a centrar todos os seus esforzos en solventar as necesidades básicas das familias máis vulnerables do Concello. Debido ás restricións sanitarias que afectan ao pequeno comercio, o número de veciños e veciñas que recorren ao roupeiro municipal aumentou.

Por este motivo, dende a OVA solicitan roupa para bebés, nenos e nenas de ata 12 anos e roupa de cama de abrigo como mantas, colchas ou edredóns.

Reparto a domicilio

A pesar de que as solicitudes son moitas, o método de traballo do roupeiro mudou para evitar riscos sanitarios e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias. Deste xeito, o número de voluntarios reduciuse e é o persoal municipal quen se encarga das bolsas de roupa que os veciños entregan na Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, de 9.00 a 14.00 horas. Unha vez recollidas, trasládanse ao edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova onde un grupo de 4 voluntarias clasifican as prendas en función de xénero, idade e estación do ano.

Outra das novidades que integrou o roupeiro do Concello é que os lotes de roupa repártense a domicilio, dous días á semana, entre as familias solicitantes. Grazas a este servizo evítanse aglomeracións nos centros socioculturais e facilítaselles a achega de enseres aos veciños e veciñas.

Todas as persoas do Concello de Ames que precisen do servizo do roupeiro municipal, en funcionamento dende o ano 2003, poderán solicitalo cubrindo unha ficha que se facilita nas Casas da Cultura de ambas localidades.

Para poñerte en contacto co roupeiro, podes chamar ao teléfono 662 377 044, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou escribir ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El ropero de Ames pide prendas para bebés, menores de 12 años y ropa de cama"

Compostela 24 horas: "Dende o roupeiro municipal de Ames solicitan roupa para bebés, nenos e nenas de ata 12 anos e roupa de cama"

Roupeiro municipal.