Solapas principales

“DeMente” abre este venres 1 de abril o mes da danza, no que o Milladoiro acollerá dous espectáculos

Miércoles, 30 de marzo de 2022

A danza será a protagonista no mes de abril da programación cultural de Ames, con dous espectáculos na Casa da Cultura do Milladoiro. O primeiro será “DeMente”, o venres 1, con dúas sesións ás 17:30 e ás 20:30 horas. A proposta de danza tradicional, da compañía Fran Sieira, tratará de mostrar o estigma que sofren e sufriron as persoas que padecen trastornos mentais. Forman parte desta compañía Aida Tarrío, das Tanxugueiras, así como os dous bailaríns que acompañaron ao grupo no Benidorm Fest, Fran Sieira e Artur Puga. A segunda obra deste xénero, “Bailar agora”, terá lugar o venres 22 de abril ás 20:30 horas. As entradas para ambos espectáculos xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“DeMente” é unha obra de baile e música tradicional galega que busca retratar a realidade dos estigmas aos que se enfrontan as persoas que sofren trastornos mentais, que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) afectan ao longo da vida ao menos unha de cada catro persoas.

O espectáculo, que conta cun elenco de oito bailadoras e bailadores, amosa ao longo dunha hora a historia e a evolución do trato cara a estas persoas, dende a reclusión, as contencións químicas, os suicidios, a explotación das persoas enfermas, ata a chegar á exteriorización dos nosos días.

Deste xeito, a proposta ofrece un espazo para a reflexión sobre como reaccionamos ante as persoas con doenzas ou trastornos mentais, a integración destas na sociedade e a normalización das patoloxías e dos seus tratamentos, á vez que cuestiona por que vemos como normais certos métodos empregados para tratar ás persoas “dementes”, como o encerro ou a contención mecánica e a través de medicamentos.

A compañía Fran Sieira leva o nome do propio coreógrafo e bailarín, que contribuíu á coreografía e bailou na actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest. A propia Aida Tarrío, unha das tres integrantes das Tanxugueiras, tamén forma parte desta compañía de baile tradicional, ao igual que o bailarín Artur Puga, que tamén estivo en Benidorm acompañando ás tres cantareiras.

Dúas obras para celebrar o mes da danza

“DeMente” é a primeira das dúas obras de danza programadas para o mes de abril, que se celebrarán na Casa da Cultura do Milladoiro co gallo do mes desta arte escénica, cuxo Día Internacional se conmemora dende o ano 1982 o día 29 de abril.

Neste senso, o segundo espectáculo deste xénero no mes será “Bailar agora”, da compañía Marta Alonso Tejada Traspediante, que terá lugar o venres 22, ás 20:30 horas. “Bailar agora” é un impulso por situarnos no tempo actual das cousas, con plena consciencia sobre o aquí e o agora do que facemos e de como vivimos.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas para "DeMente" poden adquirirse por 5 euros a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura do Milladoiro, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Danza para toda a veciñanza con ‘DeMente’ e ‘Bailar agora’ no Milladoiro"

Lindeiros: "Comeza o mes da Danza en Ames"

“DeMente” abre este venres 1 de abril o mes da danza, no que o Milladoiro acollerá dous espectáculos

Multimedia

  • “DeMente” abre este venres 1 de abril o mes da danza, no que o Milladoiro acollerá dous espectáculos
  • “DeMente” abre este venres 1 de abril o mes da danza, no que o Milladoiro acollerá dous espectáculos