Solapas principales

Dan comezo seis días de actividades polas festas da Peregrina en Bertamiráns

Martes, 08 de agosto de 2023

Este martes, 8 de agosto, arrincan as festas da Peregrina en Bertamiráns, uns festexos que se prolongarán ata o vindeiro luns, día 14, con música, verbena e actividades para todos os públicos. Serán seis días de troula que se suman aos cinco xa vividos no Milladoiro pola Madalena. En total, once días que se enmarcan dentro da programación “Ames en festas”, que neste ano 2023 uniu por segunda vez as festas da Madalena e da Peregrina, froito da colaboración do Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Os dous principais núcleos de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por segundo ano consecutivo as súas festas de xeito conxunto. O resultado desta unión é o cartel “Ames en festas”, unha programación de once días de música, concertos e actividades para todos os públicos. O arranque tivo lugar no Milladoiro, coas festas da Madalena, que rematan hoxe co concerto de Heredeiros da Crus e a actuación de Charleston Big Band. Tras cinco días de festexos toma a remuda Bertamiráns coa celebración das festas da Peregrina.

Esta mesma tarde comezan as actividades e propostas en Bertamiráns, coa actuación para o público infantil e familiar de Paco Nogueiras na praza de Chavián, ás 19:30 horas, como parte da programación da Concellaría de Promoción Económica “AmesON de verán”. Nogueiras, músico e actor, combina a súa labor en diversas formación teatrais con ser monitor de teatro e realizar numerosos espectáculos para o público infantil e familiar.

Mañá, mércores 9, comezará a música e a verbena co concerto de Sabela no parque do Ameneiral ás 21:00 horas, e coa actuación da orquestra Panorama e Disco Móbil Fabrik no campo da festa da Peregrina, ás 23:00 horas.

Na mesma liña continuarán as festas o xoves 10, un día que arrincará coa actuación dos Festicultores na praza da Maía ás 21:00 horas, e continuará ás 23:00 horas coa actuación da Orquestra Kubo no campo da festa da Peregrina.

O venres 11 a noite arrincará cun concerto a cargo do grupo amesán As Maianas e do dúo Caamaño & Ameixeiras. De seguido, ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina haberá verbena a cargo da orquestra Finisterre e a disco móbil Chocolate.

Como novidade, para o sábado, 12 de agosto, a comisión de festas da Peregrina organizou unha nova iniciativa. Trátase dunha romaría urbana que se realizará no parque do Ameneiral. Comezará ás 13:30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Mad Martín, La Reunión, Michu da Rocha e Doctor Snob. A través desta iniciativa trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e tamén teña un retorno económico para os establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.

Os espectáculos da romaría enlazarán co concerto de Los Mecánicos previsto para ás 21:00 horas, que se enmarca dentro do “AmesON de verán”. Los mecánicos é unha das bandas de versións pioneiras en Galicia, que interpreta música pop e rock dos 60: os Beatles, Elvis, Raphael, os Grincos ou os Bravos.

O domingo 13 de agosto, ás 23:00 horas, haberá verbena a cargo da orquestra Compostela e a disco móbil CDC. Para poñer fin aos once días de festas no concello, o luns 14 de agosto, ás 23:00 horas, actuará a orquestra Nueva Fuerza.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La orquesta Panorama y Sabela abren hoy seis días de fiesta en Bertamiráns"

Cartaz do Ames en Festas

Multimedia

  • Dan comezo seis días de actividades polas festas da Peregrina en Bertamiráns
  • Dan comezo seis días de actividades polas festas da Peregrina en Bertamiráns
  • Dan comezo seis días de actividades polas festas da Peregrina en Bertamiráns
  • Dan comezo seis días de actividades polas festas da Peregrina en Bertamiráns
  • Dan comezo seis días de actividades polas festas da Peregrina en Bertamiráns