Solapas principales

Cúmprense dous anos da firma do acordo de goberno en Ames

Viernes, 07 de julio de 2017

[07-07-2017] O 7 de xullo de 2015 finalizaron as negociacións que deron como resultado a firma dun acordo entre o Partido Socialista, Contigo Pódese e o Bloque Nacionalista Galego para gobernar Ames tralas últimas eleccións locais. A aprobación dun programa único e conxunto , o diálogo e o respecto constitúen, segundo os protagonistas, a base do éxito e da continuidade do tripartito que goberna en minoría desde hai dous anos e que foi quen de sacar adiante cuestións tan importantes como os presupostos municipais, pendentes desde había seis anos, a blindaxe dos servizos sociais ou os primeiros orzamentos participativos do concello amesán. Así o manifestan o alcalde de Ames, José Miñones do Partido Socialista e os tenentes de alcalde Genma Otero de Contigo Pódese e David Santomil do Bloque Nacionalista Galego. Os tres políticos fixeron balance destes dous anos de goberno diante dos micrófonos da Radio Municipal.

Nas reunións de negociación previas ao acordo participaron algúns membros dos partidos que non formaban parte das candidaturas nin dos posibles equipos que habían de gobernar o Concello. Foi o caso do Partido Socialista que enviou as reunións de negociación, entre outros, ao secretario Xeral do Partido Paco Villaverde “Creo que isto foi moi positivo porque ademais eles na actualidade se encargan de facer o seguimento do cumprimento do programa”, manifesta o alcalde de José Miñones. Tamén David Santomil, tenente de alcalde polo BNG, observou desde fora as negociacións que levaban a cabo os seus compañeiros de partido Isabel Vaquero e Alberte Souto nun proceso que cualifica de “exemplar”. O mesmo cualificativo emprega a tenente de alcalde Genma Otero, quen si estivo presente nas reunións previas á firma, coas súas dúas compañeiras de partido “así o decidimos en asemblea e fomos as negociacións coma unha soa voz, iso si agora son tamén outros compañeiros os que fan o seguimento do que acontece no concello”.

O cemiterio, o ciclo integral da auga, os procesos participativos, o plan de previsión de incendios, as actividades deportivas que se duplicaron nestes dous anos, as infraestructuras en colexios, o plan de accesibilidade, os orzamentos, a RPT, o portal de transparencia, os avances cara a construción do Centro de Saúde… Aos tres políticos cústalle definir os éxitos das áreas concretas nas que traballa cada un dos partidos. Desde o principio falaron de transversabilidade e o mesmo concepto seguen empregando cando se refiren a moitas das cuestións que definen as angueiras municipais nas que se ocupan cada día.

Un concello dimensionado para menos poboación da que ten realmente

Coinciden tamén Miñones, Otero e Santomil á hora de falar das necesidades dun concello que medra a razón de case un habitante por día: “Temos un Concello dimensionado para moita menos poboación da que realmente temos”, manifesta o alcalde, “un concello que presta moitos servizos como os de conciliación, comedores, escolas deportivas… que son xestionadas directamente desde o concello”, engade a representante de Contigo Pódese antes de que o Tenente de alcalde do BNG especifique que, “por poñer un exemplo, no caso dos comedores a Xunta de Galicia paga 50 céntimo por menú, mentres que a nós, cos monitores, a cociña e o produto, cada menú non nos sae por menos de 6 euros”.

No ecuador do mandato, os tres políticos tamén falaron na Radio Municipal do que aínda queda por facer . José Miñones citou a Casa da Xuventude, a gran zona verde do Milladoiro, o transporte interno entre as dúas vilas e o rural, a continuidade no proceso da administración electrónica, a posta en marcha definitiva do cemiterio, os trámites finais para a construción do Centro de Saúde. Non se esqueceu Miñones de citar o DUSI que faclitará algúns destes investimentos e a próxima posta en marcha de Protección Civil de Ames.

Traballo, lealdade, diálogo e confianza

Pola súa banda Genma Otero dixo que había que seguir traballando, que aínda quedaba moito por facer, e falou das necesidades que xorden e de como esas necesidades van actualizando o programa de Goberno: “É como cando preparas unha oposición, canto máis sabes, máis conta te das do que queda por facer”.

David Santomil manifestou o desexo do BNG de seguir traballando con lealdade, con confianza e con diálogo, lembrou as xuntanzas semanais de goberno e de coordinación, e a folla de ruta educativa que non para de medrar: “Agora o gran reto é poñer a disposición da Xunta unha gran parcela para conseguir un novo CEIP”.

Os tres políticos coinciden en que o máis importante da xestión ate este momento foi que se conseguiu recuperar o Concello para os veciños e veciñas e que se avanzou en cuestións que levaban anos atascadas. E coinciden nas necesidade de facer visible o Concello e de acadar que as administracións supra municipais sexan conscientes das dimensións que está acadando o concello e obren en consecuencia, aportando unha financiamento acorde a estas necesidades.

Por último, os representantes do tripartito de Ames que estes días cumpre dous anos de mandato. gabaron o labor dos traballadores municipais: “Esiximos o máximo e agradecemos o ben que responden diante de situacións ás veces moi complicadas” manifesta José Miñones. Genma Otero e David Santomil asenten.