Solapas principales

A crise da COVID19 e a política económica marcaron as liñas de debate no Pleno Extraordinario sobre o Estado do Concello

Viernes, 07 de mayo de 2021

Desde o ano 2018, e por mor da situación extraordinaria provocada pola crise COVID19, non se celebraba un pleno sobre o estado do Concello en Ames. Precisamente, a xestión da pandemia, xunto coas políticas económicas, protagonizaron unha boa parte das intervencións. Tanto o alcalde como os voceiros e voceiras das distintas forzas políticas lembraron ás familias afectadas e agradeceron ao persoal municipal o esforzo e eficacia á hora de adaptarse aos novos xeitos de traballo. Malia diferenza de criterios, especialmente en asuntos económicos, a sesión desenvolveuse nun clima de cordialidade, unidade e respecto. O Pleno foi seguido en directo, vía streaming, por preto de 50 persoas.

Previa a realización da sesión plenaria, acordarase reducir os tempos de intervención, marcando finalmente 10 minutos de exposición para cada un dos voceiros e 5 para a quenda de réplica, ademais dos 10 minutos que empregou o alcalde na presentación da sesión e os cinco que utilizou para pechar o pleno. Respectáronse os tempos de xeito que o pleno sobre o Estado do Concello resolveuse en dúas horas. As intervencións realizáronse, seguindo a orde de representación de cada un dos partidos, comezando polo de menor representación. O debate centrouse fundamentalmente na análise dos plans e proxectos que se puxeron en marcha a raíz da pandemia e no debate económico, enfocado especialmente aos distintos criterios que goberno e oposición teñen con respecto a taxas e impostos.

Intervención do alcalde Blas García
Abriu a sesión o alcalde de Ames, Blas García, manifestando a dificultade de facer unha valoración destes anos sen falar da COVID e da xestión da pandemia : “Dos 13 concelleiro/as que formamos o Goberno Municipal, 8 eran a primeira vez que formaban parte da corporación asi que maioritariamente eramos un goberno inexperto. Aínda así, fomos que de recompoñernos do impacto inicial da situación e poñernos a traballar para ver como solucionábamos infinidade de novos problemas que xurdiron e axudar e atender as novas necesidades sociais, sanitarias e persoais dos veciños/as de Ames”. García aproveitou tamén esta primeira intervención para poñer en valor o traballo e apoio recibido por parte dos concelleiros e concelleiras da oposición que, dixo, “deron un exemplo moi importante, apoiando e axudando ao Goberno a xestionar a crise dun xeito máis doado”. “Temos que darlle un exemplo á cidadanía de que é posible facer outra política afastada da crispación e dos ataques partidistas. Debemos debater e falar nos foros que o Concello ten para iso: os plenos, as comisións e as demais ferramentas de participación, convertendo a casa do Concello na casa de todos e todas”, manifestou o alcalde de Ames.

Intervención de Xosé Ramón Oulego de Ciudadanos
Xosé Ramón Oulego abriu a primeira quenda de intervencións, gabando tamén o espírito de colaboración e cualificando a sesión de “importantísima polo que supón no eido da transparencia”. Agradeceu ademais o feito de se lles outorgasen a todos e a todas os mesmos tempos de intervención. Abriu tamén o representante de Ciudadanos as críticas referidas as políticas económicas do goberno que foron unha constante no pleno: “Non ámbito económico aprobouse a subida de impostos e rexeitouse a rebaixa das taxas nun momento tremendamente difícil con moita xente en paro e no que non se fixo nada para fomentar o emprego”. Gabou Oulego o plan Reactiva e os bonos para mercar no comercio local. Porén, sinalou o “abuso dos contratos menores” e a pouca iniciativa para incentivar a creación de empresas.

Na segunda quenda de intervencións, o voceiro de Ciudadanos, fíxose eco das queixas e preguntas que a veciñanza lle fixo a través dunha proposta en facebook. A meirande parte das que citou facían referencia ao estado das beirarrúas, as estradas e os camiños, tanto no rural como nas zonas urbanas.

Intervención de Quique Costas de Ames Novo
Interviu despois Quique Costas de Ames Novo quen agradeceu a actitude do Goberno para escoitar propostas, cualificou de “eficaz” a acción do goberno e agradeceu a postura de comunicación e escoita que mantivo durante a situación de emerxencia. “O noso é turrar do goberno cara posicións valentes”, dixo Costas, ao tempo que gabou as melloras e os avances que en materia social e de igualdade se fixeron durante este tempo: “Púxose en marcha a renda social, fixéronse avances en materia de xuventude, fíxose a normativa de terrazas e estamos na fase final cara á creación dunha empresa municipal de augas”. Emporiso, Costas non deixou de criticar ao goberno en materia fiscal: “Non se aplica a progresividade nos impostos e faltan liñas claras dirixidas a políticas fiscais”. Tamén manifestou críticas en torno a algúns atrasos na execución de infraestruturas educativas como o comedor do CEIP A Maia, a ampliación do CEIP Agro do Muíño, a construción dun novo CEIP en Milladoiro e a centralización das cociñas da Rede Municipal de Comedores”.

Na Segunda quenda de intervención, o voceiro de Ames Novo esixiu a revisión do PXOM e insistiu unha vez máis na necesidade de aplicar progresividade a taxas e impostos: “é tan simple como entender que o que máis ten, ten que pagar máis e o que menos ten, ten que pagar menos”.

Intervención de David Santomil do BNG
O voceiro do BNG, David Santomil , manifestou que “nestes tempos difíciles a unidade de acción é máis importante que nunca”. Lembrou que Ames é un concello xove “Somos o polo de atracción da comarca de Compostela, o referente e isto débese aos servizos públicos que ofrecemos, entre os que destacan a área de servizos básicos e de servizos de apoio á conciliación”. Destacou Santomil os logros no ámbito educativo e puxo en valor a “necesaria colaboración institucional”, citando ao Estado, á Deputación e a Xunta.

Na segunda quenda de intervención, David Santomil salientou a estabilidade política “que nos leva a ser un concello de referencia, un concello no que a xente está contenta de vivir” e repasou os logros conseguidos no eido educativo, facendo “autocrítica” polos atrasos nalgunhas cuestións como o comedor do CEIP a Maia. Anunciou que onte mesmo se remitira unha carta ao conselleiro de Educación para lembrar que había un ano xa que se asinara a ampliación do CEIP Agro do Muíño e dixo que “a consellaría non volvera poñerse en contacto co Concello”. Aproveitou Santomil tamén esta quenda para gabar todo o traballo que no eido da Cultura, da mocidade e da defensa da lingua estaba facendo o goberno e en especial as súas compañeiras de grupo, Natividade González e Escarlata Pampín.

Intervención de Genma Otero de Contigo Podemos
As cifras foron a base da exposición da voceira de Contigo Podemos, Genma Otero que gabou o feito de ter conseguido o 5º orzamento consecutivo: “30 millóns de euros que supoñen un incremento de media de 1.340.000 euros ao ano”. Destacou que “O orzamento medra apontoando, reforzando e blindando os servizos públicos” e resumiu os eixos nos que se fundamenta: Ampliación e mellora dos Servizos Básicos e Benestar Comunitario, reforzo da Área de Educación e Servizos de Conciliación, blindaxe da Área de Servizos Sociais e Promoción Social, incremento e aposta polo investimento público, reforzo das políticas de emprego públicas e ampliación e reforzo dos servizos e actividades. Fixo fincapé no Plan Especial de Pagamentos individualizado e no sistema de pagamento voluntario que o goberno puxo en marcha a raíz da crise. Salientou asemade o logrado en materia de transparencia e gabou nese senso o labor da súa compañeira de partido, Vanessa Vidal.

Na quenda de réplica, Genma Otero, respondeu aos compañeiros de corporación que apuntaran a pouca capacidade de execución do presuposto e criticaran a subida dos impostos e as taxas no tempo de crise, defendendo a xestión e apelando aos bos indicadores económicos (estabilidade orzamentaria, superávit, nivel débeda reducido e remanente) en todos estes anos: “O que vai permitir ao Concello de Ames seguir medrando e apostando por un reforzo dos servizos e investimentos públicos”. Lembrou asemade, con respecto á política fiscal, que “desde á entrada deste goberno se mantiveron os impostos, taxas e prezos públicos e se aprobaron novas bonificacións para colectivos desfavorecidos, medidas de fomento de emprego e enerxías renovables”.

Intervención de Ramón Argibay do Partido Popular
O voceiro do Partido Popular manifestou que o pleno sobre o estado do Concello serve para pulsar a xestión política do Goberno é ver a súa evolución: “O ano que nos tocou foi complicado e por iso, dende a oposición, estivemos co Goberno como non podía ser doutra maneira, dun xeito responsable”. “É algo que fixemos de corazón como non podía ser doutra maneira pero non é ningún mérito, simplemente é unha responsabilidade, aínda que agradezo o recoñecemento por parte do Goberno”, manifestou Argibay. A crítica do Partido Popular, na voz de Argibay baseáronse fundamentalmente en cuestións económicas: “O remanente de tesourería é de máis de 2 millóns, porén os impostos acadan record de recadación” ou “Non hai capacidade de investimento pero se baten records de contratos menores?” foron algúns dos seus comentarios.

Na quenda de réplica, Argibay dixo que “O aumento do IBI é moi esaxerado nestes tempos e deberían explicar como fan isto en medio dunha pandemia e dunha crise económica”. O voceiro do Partido Popular lembrou que o único Goberno que implantou a progresión fiscal, neste caso cos servizos complementarios, foi o PP pactando co BNG: “Polo tanto, si é posible facela”. “Pódese presumir de renda social, pero a renda social traduce tamén un fracaso das políticas activas”, salientou Argibay.

Intervención de Luísa Feijóo do Partido Socialista
Pechou as quendas de intervención a voceira do PSOE, Luísa Feijóo, que fixo un exhaustivo relatorio das accións desenvolvidas polo Goberno desde o inicio da pandemia. Desde a Constitución do Comité de Emerxencia Social até os programas e proxectos das áreas de Benestar Social , Igualdade e Promoción da saúde, o impulso do Departamento de Voluntariado, a ampliación dos programas de envellecemento, a posta en marcha da Casa dos Maiores no Milladoiro e o aumento de grupos e actividades do programa Amessan, foron algunhas das cuestións citadas pol Feijóo, ademais do reparto de alimentos, os servizos de compra de alimentación e medicinas, o voluntariado informático que recibiu, configurou e repartiu equipos entre alumnado sin recursos, o servizo de acompañamento telefónico a maiores sos e o reparto de máscaras hixiénicas. Lembrou a voceira do PSOE que “todo isto se fixo sen descoidar a xestión diaria do Departamento, onde se atenderon, dende o establecemento do estado de alarma ata o 1 de xuño, 1.418 solicitudes de atención, ademais das innumerables chamadas, correos e whassapp...aos que se lles intentou dar resposta”.

Na segunda intervención, Luisa Feijóo gabou as novas instalacións deportivas do Concello que continuaron a realizarse malia o estado de crise e citou o Plan Reactiva Ames que con 99 medidas e sete millóns de investimento puxo en marcha a concellaría de Promoción Económica para paliar moitos dos problemas derivados da crise da COVID19. Lembrou tamén a concelleira os beneficios que tanto para a cidadanía como para o comercio tiveron as tarxetas mer@ames.

Peche de sesión a cargo do alcalde de Ames, Blas García
Nos últimos cinco minutos do pleno, o alcalde Blas García falou dos contratos menores, cuestión que apuntaran como crítica os grupos do PP e Ciudadanos: “O contrato menor é totalmente legal e aparece procesado na lei, senón no usaríamos, e mentres non o quiten da Lei de Contratos, seguirémolo usando”. Anunciou ademais a intención de dar os primeiros pasos para renovar o PXON e agradeceu o ton cordial da sesión e as críticas construtivas: “Gobernar non é fácil porque, sobre todo, tes que tomar decisións que non lle gustan a todo mundo e vas ter criticas. Sempre defendín o traballo da oposición e sacar as cousas negativas do goberno, así que entendemos as críticas e sempre que sexan de carácter positivo terémolas en conta, aínda que é certo que haberá propostas nas que nunca imos coincidir por diferencias ideolóxicas”. García rematou a sesión manifestando que “Ames somos todos os que estamos aquí” e lembrando ao anterior rexedor, José Miñones do que dixo: “segue moi pendente de canto está a acontecer neste concello”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El debate anual de Ames revive las críticas a la subida del IBI y el frente común ante la pandemia"

El Correo Gallego: "Só medio cento de veciños seguiron o pleno amesán sobre o estado do Concello"

pleno do Estado do Concello

Multimedia

  • Pleno Estado do Concello
  • Embedded thumbnail for