Solapas principales

Créase un Comité de Emerxencia Social para cubrir todas as necesidades básicas en materia de Servizos Sociais

Jueves, 02 de abril de 2020

Co ánimo de dar cobertura ás demandas de primeira necesidade e realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo durante a crise do Covid-19, o Concello de Ames ven de crear un Comité de Emerxencia Social. O obxectivo final é o de cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias dos Servizos Sociais, así como dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento. O Comité de Emerxencia Social está formado polo alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, a interventora e secretaria municipais, e os voceiros e voceiras dos diferentes grupos que conforman o goberno municipal. O comité reunirase unha vez á semana.

A situación de alarma sanitaria ven aparellada dunha situación de alarma económica que está a derivar en importantes e graves consecuencias sociais. A aquelas familias en situación de vulnerabilidade e/ou en risco de exclusión que xa se viñan atendendo, súmanse agora outras moitas que xa estaban nunha situación límite e que, coas medidas tomadas pola crise do Covid-19, ven desaparecer os seus escasos ingresos quedando nunha situación de total vulnerabilidade e desamparo. A estas familias hai que sumarlles aquelas persoas, e mesmo familias enteiras, que solventaban a súa situación con traballos esporádicos, horas de servizo doméstico, ou traballos sen cotización, pero que si xeraban un ingreso mensual. Na situación actual son moitas e moitos os que ven mermados considerablemente os seus escasos recursos, ou mesmo chegan a desaparecer.

Asemade, existen casos de persoas con resolucións pendentes e outras que se foron atendendo mentres non cumprían os prazos para optar a prestacións de carácter autonómico, o que deriva nunha situación insostible para moitas persoas e unidades familiares ou de convivencia. Estas non poden afrontar os pagos de alugueiro e necesidades básicas, como alimentación, medicación ou subministros básicos. A previsión de confinamento marcaba un período inicial de dúas semanas que foi ampliado ata o vindeiro 11 de abril, se ben todo indica que este tempo vai ser superior ao previsto e alongarase bastante tempo máis, o que provocará que a situación de alarma social sexa máis complicada co paso dos días.

A creación do Comité de Emerxencia Social xurde neste marco para establecer as medidas a adoptar en materia de protección social para dar cobertura ás demandas de primeira necesidade, e realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo e cobertura. A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, destaca que “o Concello ten abertas numerosas liñas de axudas que é necesario coordinar de xeito que se cheguen a cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias de Servizos Sociais, e dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento”.

Accións durante o estado de alarma
O Concello de Ames puxo en marcha diferentes accións ao longo destas primeiras semanas do estado de alarma en materia de benestar social. Deste xeito, continúase coa atención telefónica e telemática, así como con programas de acompañamento telefónico; séguense tramitando axudas de emerxencia, que teñen como finalidade garantir as necesidades básicas (alimentación, medicación, suministros, aluguerio, etc) daquelas persoas con poucos ingresos, para o que se están habilitando mecanismos máis áxiles e que se axusten ao momento de emerxencia que estamos a vivir para a súa pronta tramitación; e séguense a tramitar as axudas de renda municipal básica para garantir un mínimo vital para aquelas persoas sen ningún tipo de ingreso.

En canto ao Banco de Alimentos municipal, repártironse estas semanas 1,5 toneladas de alimentos e produtos, do que se beneficiaron unhas 300 familias amesás: repartíronse produtos non perecedoiros como leite, aceite de oliva, arroz, froita en almíbar, verduras en conserva, latas de sardiñas, atún, garbanzos cocidos, pasta, tomate e galletas, así como algún produto fresco (patacas e ovos principalmente) produtos de alimentación infantil e de hixiene. A aquelas familias con nenos e nenas bonificadas nos comedores municipais procedeuse ao reparto semanal de froita e verdura de tempada, iogures e fiambre, así como intensificación no reparto de alimentos non perecedeiros

Outro dos colectivos poboacionais nos que se puxo toda a atención foi ao dos maiores e persoas que viven soas. Neste senso, estase a realizar acompañamento telefónico e seguimento, a través da psicóloga municipal e dos traballadores/as do Departamento de Benestar Social, en colaboración tamén con JUPEMI; e estableceuse un servizo de compras de alimentación e medicamentos polo que, a través dos Departamentos de Voluntariado e Promoción da Saúde, realízanse as compras que se entregan a domicilio (alimentación martes e xoves e medicamentos os mércores)

Asemade, ampliouse o servizo de transporte adaptado, poñéndoo a disposición de calquera persoa maior que viva soa para acudir a citas médicas inescusables ou xestións varias.

Igualmente, garántese o acceso aos recursos escolares en igualdade de oportunidades, impulsando un sistema de impresión e entrega a domicilio de traballos escolares e apuntes necesarios para as familias con menos recursos. No tocante a axuda psicolóxica, mantense o servizo de atención de emerxencia para casos extremos e recomendacións para o confinamento.

alimentos 1