Solapas principales

A Corporación municipal entrégalle a medalla do Concello de Ames a Filomena Fraga no acto de celebración do Día de Galicia

Miércoles, 24 de julio de 2019

As engurras da cara. O acento da súa voz rachada. A mirada fixa e segura dos seus ollos. E, sobre todo, a seguridade de seguir sendo a mesma, aquela muller labrega que lle deu por escribir un libro. A bo seguro que todos os asistentes á conmemoración do Día de Galicia viron en Filomena Fraga a Galicia de antes, sentiron a Galicia de agora e imaxinaron a Galicia de mañá. Unha Galicia moderna pero coa súa identidade rural. Unha Galicia que non pode esquecer o que foi para seguir medrando. Unha Galicia encarnada na figura de Filomena Fraga, a quen o alcalde de Ames, José Miñones, entregou a medalla do Concello no día no que a poesía e a palabra converteron ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns no mellor escenario para conmemorar o día da patria galega.

Baixo o sol que iluminaba os xardíns do Pazo da Peregrina, a xornalista de Ames Radio, Nazaret López, ía dando paso ás voces que reivindicaban unha Galicia con futuro, pero sen esquecer o seu pasado. Tino Seoane e José Luís Vázquez Mirazo aproveitaron a ocasión para ler dous escritos, nos que volvían reivindicar o rural galego. A eles seguiron Maximino Viaño, cronista oficial do Concello de Ames, e Pilar Candocia, con emotivas palabras para a homenaxeada no acto, Filomena Fraga. Foi antes de que todos os grupos que conforman a corporación municipal de Ames, a través da palabra e a poesía, ofreceran a súa visión de Galicia e, sempre tamén, sen esquecer a figura da poeta de Agrón.

Xosé Ramón Oulego, de Ciudadanos, destacou o carácter emprendedor dos galegos e galegas e fixo a súa particular homenaxe á emigración, coa Cantiga do neno da tenda de García Lorca. Quique Costas, de Ames Novo, tinguiu as súas verbas baixo a Miña matria Galicia, de Celso Emilio Ferreiro. Genma Otero, de Contigo Podemos, reivindicou a Galicia de sempre cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. David Santomil, voceiro do BNG de Ames, soñou cun futuro mellor para Galicia a través da Produción social dos soños, de Sechu Sende. O voceiro do PP de Ames, Ramón Argibay, elixiu a Castelao e o seu Sempre en Galiza para facer unha mirada ao pasado, presente e futuro da nosa terra. E Blas García, do PSOE de Ames, finalizou a súa intervención en prol da igualdade e unha Galicia mellor con Maximino García, o poeta de Maía, e o seu Algún día en Galicia.

Homenaxe a Filomena Fraga
Para o final do acto quedaba a entrega da medalla do Concello a Filomena Fraga. O alcalde de Ames, José Miñones, tomou a palabra para render esa merecida homenaxe a unha muller que “é un exemplo vivo a seguir e un referente na loita pola igualdade entre homes e mulleres. Nestes momentos non atravesa a súa mellor etapa da vida, xa que ela di que os fillos están preparados para que os seus pais se vaian antes e non ao revés. E por iso, estando aquí hoxe, volve a demostrarnos que é unha muller comprometida, que sempre que se lle necesita está aí. E poder ter a sorte de visitala e compartir un rato ao seu lado, como tiven ocasión de facer recentemente, é o mellor que lle pode pasar a un. E dou as grazas por poder escoitala e aprender ao seu carón”.
 
Filomena Fraga subiu ao escenario, recolleu a medalla e adicou, coa súa naturalidade e modestia habitual, unhas palabras a todos os asistentes. A poeta de Agrón dixo non crer “ter merecido tantas loanzas. Hai moitas mulleres, moito máis intelixentes ca min, que puideron facer moitas máis cousas e non tiveron as oportunidades que eu tiven. Eu non as busquei, pero as cousas ás veces veñen así. Tiven ocasión de convivir con xente moi intelixente da que aprendín moitas cousas. E eu que son? Unha vella de aldea que un día escribiu un libro e de aí veñen estas cousas, que non quere dicir que as mereza. O único que podo facer é dalas grazas”.

O acto de conmemoración do Día de Galicia en Ames rematou coa interpretación do himno galego por parte de todos os asistentes, acompañados do violín de María José Pámpano e a voz de Pilo Sierra. O dúo puxo a nota musical coa interpretación de tres temas de Satélite Salitre, un proxecto onde a lingua, a música, a poesía, o mar e a terra conflúen para dar lugar a un novo universo sonoro.

Día de Galicia

Multimedia

  • Día de Galicia 1
  • Día de Galicia 2
  • Día de Galicia 3
  • Día de Galicia 4
  • Día de Galicia 5
  • Día de Galicia 6
  • Día de Galicia 7
  • Día de Galicia 8
  • Día de Galicia 9
  • Día de Galicia 10
  • Día de Galicia 11
  • Día de Galicia 12
  • Día de Galicia 13
  • Día de Galicia 14
  • Día de Galicia 15
  • Día de Galicia 16
  • Día de Galicia 17