Solapas principales

A Corporación municipal debate sobre o nivel de execución das actuacións incluídas na EDUSI Impulsa Ames

Viernes, 01 de diciembre de 2023

Este xoves, 30 de novembro de 2023, ás 18.00 horas, celebrouse un pleno extraordinario solicitado polos grupos municipais de Espazo Común e do Bloque Nacionalista Galego, no que se debateu sobre a situación actual das actuacións incluídas na EDUSI Impulsa Ames e da previsión do goberno municipal para asumir o importe de cofinanciamento non executado a 31 de decembro de 2023. Está previsto certificar un 73% do total das actuacións previstas inicialmente por valor de 4.553.287,52 euros. Quedaría sen executar o 27% que ascendería a unha contía de 1.696.712,49 euros. Ademais, o goberno municipal comprometeuse a rematar o cento multifuncional do Milladoiro e a poñer en marcha un sistema de transporte municipal sostible entre Bertamiráns e O Milladoiro. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou coa voceira do grupo municipal de Espazo Común, Luísa Feijóo, dando conta da exposición de motivos sobre a solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario, feita por Espazo Común e polo BNG, para debater sobre a situación actual das actuacións incluídas na EDUSI Impulsa Ames (actuacións rematadas e pendentes, así como sobre os prazos e previsións de execución); e como se abordará a previsión do goberno municipal para asumir o importe de cofinanciamento non executado a 31 de decembro de 2023.

Luísa Feijóo explicou que “o obxectivo deste pleno é que por parte do goberno municipal se nos explique publicamente a toda a veciñanza como están as actuacións do plan Impulsa Ames. Cales se remataron, cales quedan pendentes de executar e sobre todo cales son as previsións do goberno sobre aquelas actuacións que queden sen facer, e en concreto, que vai pasar co centro multifuncional do Milladoiro se non se rematan as obras en prazo. Contábase con que este plan tivese unha repercusión directa na mellora dos servizos e infraestruturas de Ames, pero estase rematando o prazo de execución e vemos como se foron executando algunhas partidas, pero hai outras actuacións que van quedar sen executar ou non se rematan en prazo, como a actuación do centro multifuncional do Milladoiro ou o sistema de transporte municipal sostible entre Bertamiráns e O Milladoiro e mailo transporte baixo demanda para conectar o rural cos principais núcleos do concello”.

A continuación, o alcalde de Ames, Blas García, dixo que “deberían ter coñecemento de como están as actuacións da EDUSI Impulsa Ames porque os concelleiros e concelleiras do BNG formaron parte do goberno municipal ata o mes de xuño e a concelleira de Espazo Común tamén era parte do goberno ata o pasado mes de maio. Nas reunións do goberno era habitual falar de como ía a execución das actuación incluídas en dito plan”. Deste xeito fixo un relatorio das actuacións executadas, as que están en execución e as que non son executables. Tras dito relatorio dixo que está previsto certificar un 73% do total das actuacións previstas inicialmente por valor de 4.553.287,52 euros. Quedaría sen executar o 27% que ascendería a unha contía de 1.696.712,49 euros.

Sobre dita exposición, a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “a súa exposición foi clara pero eu sobre os datos que achegou vostede vexo que hai preto de 1.700.000 euros non executados. Ademais, no apartado de previsto certificar figura unha contía que previsiblemente sexa imposible de certificar como é o importe de 1.200.000 euros do centro multifuncional do Milladoiro. Deste xeito, serían preto de tres millóns de euros os que se van a perder deste plan, practicamente a metade do total”.

O voceiro do BNG, David Santomil, manifestou que “durante os últimos seis meses notamos unha falta de información respecto dos expedientes das actuacións da EDUSI Impulsa Ames. Ata o 17 de xuño o BNG coresponsabilízase dos expedientes de dito plan.  É a primeira vez que Ames participa nunha convocatoria de fondos europeos desta envergadura e isto ten que servir para aprender. Para unha segunda ou terceira EDUSI, que oxalá chegue, penso que é necesario ter avanzados os proxectos para inmediatamente iniciar a licitación. Sobre o centro multifuncional do Milladoiro temos que debater cal é a solución, que pode pasar por asumilo con fondos propios, aínda que teriamos que ver se temos capacidade para asumilo, dalo por perdido e quede aí unha estrutura obsoleta, ou paralizalo e intentar optar a unha nova de liña de fondos europeos. Estamos dispostos a colaborar no que sexa necesario para buscar unha solución”.

O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiro, destacou que se “o obxectivo deste pleno é coñecer a situación da EDUSI Impulsa Ames, cremos que hai outras formas sen ser un pleno extraordinario. Nós levámolo facendo dende que saía a EDUSI no ano 2016. O ano pasado solicitamos por escrito os niveis de execución da EDUSI e no pleno de marzo de 2021 houbo unha comparecencia do alcalde, na cal se respondeu a sete preguntas que se formularon por parte de este grupo municipal. Na EDUSI comezouse a traballar dende 2016, momento no que vostedes estaban no goberno e estiveron ata hai poucos meses. O nivel de execución que temos é moi semellante ao de outros Concello, por exemplo o Concello de Vilagarcía ten un nivel de execución do 60% e o Concello de Ribeira preto do 80%. Nós estaremos arredor do 70 ou 75% polo que cremos que está ben. Gustaríanos que se executase o 100%, pero sendo realistas sabíamos que non se ía poder executar”.

O alcalde, Blas García, respondeu que “non houbo falta de transparencia e de información. Vostedes teñen acceso ao decretos que son públicos nos que se recollen diversos acordos sobre as actuacións da EDUSI e concretamente sobre o proxecto do centro multifuncional do Milladoiro. A empresa presentou un plan de traballo que non está cumprindo e nós o que imos a facer, cando toque, vai ser defender os intereses do Concello. Dos erros cometidos no desenvolvemento deste plan somos responsables todos e todas as que estamos aquí. A nosa intención é volver a presentarnos a outra convocatoria de fondos europeos. Se ao final executamos o 73% temos que poñer en valor o traballo durante a execución destes fondos, porque ademais dos distintos problemas que nos atopamos, houbo outros mitos máis importantes como foi unha pandemia, na que estivemos moitos meses sen poder facer ningún tipo de actuación, e tamén se produciu unha importante suba dos prezos que repercutiu entre outros no proxecto do centro multifuncional”.

Previsións do goberno pasa asumir as actuacións non executables  
Por outra banda, o alcalde, Blas García, amosou o compromiso do goberno municipal de rematar o cento multifuncional do Milladoiro. “Agora mesmo a empresa adxudicataria está traballando na obra. Cando remate o prazo veremos a porcentaxe de execución, pero o que non imos permitir é que ese edifico quede nun esqueleto sen rematar. Veremos as fórmulas legais existentes, se pode continuar a mesma empresa ou paralizar a obra e licitar a parte que quede por executar, para ser adxudicada a outra empresa. Iso haberá que estudalo cos servizos xurídicos e técnicos do Concello. Certificarase ata onde se poida a través dos fondos europeos, e o resto irase a un contencioso para depurar responsabilidades”.

Ademais, o rexedor municipal dixo que “outro obxectivo estratéxico deste goberno é o transporte, tanto o que una Bertamiráns co Milladoiro coma o transporte baixo demanda que una o rural co urbano. Trataremos de ver a posibilidade de incluír nos orzamentos municipais de 2025 para diante partidas para poder desenvolver dito transporte. Para elo necesitamos un convenio entre a Xunta de Galicia, o Concello de Ames e a empresa concesionaria do servizo, que na actualidade é Monbus. Tivemos unha xuntanza coa empresa Monbus para intentar facer dito convenio, pero non chegaron a enviarnos unha proposta por parte da empresa, co cal ese proxecto non é executable. A Smart City e maila tarxeta cidadá trataremos de incluílo nun futuro plan financiado con fondos europeos”.

A voceira do grupo municipal de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “agrádame que teñan intención de rematar o centro multifuncional e agardo que conte con todos os grupos municipais para tratar de buscar a mellor opción de financiamento para rematar dito edificio. Tamén me congratula que sega apostando polo transporte para vertebrar o concello. Agardemos que se poida materializar con fondos propios ou con outra achega económica”.

O voceiro do BNG, David Santomil, amosouse “cauto en varios aspectos. Falar de fondos propios para financiar certas actuacións que poden superar o millón de euros, terá que estudarse con cautela tendo en conta as posibilidades orzamentarias que poida ter o Concello. Nós somos partidarios que aquelo que non se execute, se poida incluír nunha segunda ou terceira convocatoria de fondos europeos. En definitiva, buscar financiamento externo porque as limitacións orzamentarias son as que son”.

O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo “cando veñan temas ao pleno que resolvan algo, pronunciarémonos. Agora falar aquí de como se vai financiar o centro multifuncional é falar por falar. Nós aquí vimos a traballar, non a falar por falar”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames renuncia a los proyectos de transporte y de vivienda social con cargo a fondos Edusi"

El Correo Gallego: "Ames reconoce que solo podrá certificar el 73 por ciento de las actuaciones del plan Edusi"

Imaxe do pleno extraordinario do 30 de novembro

Multimedia

  • Imaxe do pleno extraordinario do 30 de novembro
  • Imaxe do pleno extraordinario do 30 de novembro