Solapas principales

A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro

Viernes, 02 de octubre de 2026

O salón de plenos acolleu esta mañá un pleno extraordinario, solicitado polos grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e de Espazo Común, no que se abordou a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro, que está situado na rúa Pardiñeiros. No pleno ordinario de decembro de 2024 aprobouse o inicio do expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. Este tema foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular de Ames. Abstivéronse os/as concelleiros/as do BNG e votou en contra a concelleira de Espazo Común. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

A solicitude de dito pleno foi defendida pola voceira do BNG, Escarlata Pampín, que dixo "desde o BNG e Espazo Común consideramos que está plenamente xustificada a celebración deste pleno, sobre todo porque a Corporación municipal e a veciñanza ten dereito a coñecer a situación real dun proxecto de enorme relevancia para O Milladoiro e para o noso concello. Falamos dun proxecto que afecta á mobilidade, ao comercio, á actividade económica e á vida diaria de milleiros de persoas. Por iso teñen dereito a saber que se está facendo, os criterios, condicións e consecuencias para os veciños e veciñas de Ames. A transparencia non é unha opción política, é unha obriga democrática e institucional, e tamén o é o respecto polos acordos alcanzados neste pleno municipal".

Intervención da voceira de Espazo Común
De seguido, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, explicou que "o motivo polo que solicitamos este pleno extraordinario xunto co BNG é para que o goberno renda contas publicamente sobre as xestións que está levando a cabo para o aparcadoiro de pago do Milladoiro e sobre o cumprimento do acordo plenario do 26 de decembro de 2024. Ademais, este pleno convócase para que expliquen porque a comisión creada para estudar o servizo non se volveu a reunir deste a súa constitución, e porque non se trasladou máis información desde dito pleno, vendo que as xestións ían avanzando e as condicións ían cambiando. Estas explicacións queremos que sexan publicas, porque a veciñanza ten dereito a coñecer canto custará este aparcadoiro, como se xestionará, que compromisos asumirá o Concello e como afectará ás comunidades que comparten os seus accesos".

Luísa Feijóo engadiu "a Comisión debe poder facer o traballo que o Pleno lle encomendou e iso require darlle información, tempo e capacidade para formular conclusións. Temos moitas dúbidas; por exemplo: o compromiso cos propietarios, na proposta de urbanismo do 9 de decembro 2024 dicía que o propietario asumía as obras de acondicionamento, pero o acordo plenario non aprobou un contrato de arrendamento nin concretou compromisos económicos por parte do Concello; polo tanto en base a que acordos se realizaron esas obras paran poder poñelo a disposición municipal?. Existe algún contrato, algún convenio, algún preacordo ou algún outro documento? Si é así, quen o asinou en que data e con que informes? Que obrigas asumiu o Concello para que os propietarios terminasen esa obra? E despois outra pregunta importante quen soportará o custo desas obras? repercutirá no alugueiro, no prezo da compra ou terá algunha outra contraprestación? Que sucedería, ademais, si o estudio concluíse que o servizo non é viable ou que o pleno non aprobase as condicións propostas?".

"E seguimos tendo máis dúbidas: con que persoal se atenderán os accesos, o cobramento, as incidencias, a limpeza, o mantemento? Que custo anual poden ter estes servizos? e cando puido a Comisión analizar esas alternativas? Nunca. En definitiva, queremos saber o estado do procedemento porque si, sabemos polas redes do alcalde algúns detalles pero o que nos queremos saber é cando se convocará esa Comisión, queremos datas e queremos a documentación. Hai decisións anunciadas, condicións que descoñecemos e un acordo plenario que non se está a cumprir. A transparencia mídese pola información que se entrega e pola participación que se permite".

Intervención da voceira do Bloque Nacionalista Galego
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, afirmou que "o propio alcalde trasladou que o estudo de viabilidade non está rematado e sen este estudo non hai modelo definido e non hai regulamento e ordenanza. Preocúpanos a falta de transparencia arredor dos contactos mantidos cos propietarios destas infraestruturas e non temos constancia formal de como se produciron esas reunións e que criterios se seguiron. Son moitas as preguntas, e temos moi poucas respostas ata o momento. A min gustaríame saber que acordos hai para que unha propiedade privada acometa esas obras e acondicione ese espazo. Despois hai algo que me sorprende porque eu creo que se pode evidenciar que se o Goberno tivera a ben convocar esa Comisión con anterioridade a eses anuncios, este pleno extraordinario non existiría e sería moito máis sinxelo".

Ademais, sinalou que "creo que de novo estamos ante unha falta tremenda de planificación e ante a improvisación. E lamentablemente isto responde a un patrón que xa coñecemos: moito anuncio, moita foto, moita prensa e pouca información. Sí, gústelles ou non, falta de transparencia, de diálogo e de respecto institucional. Non se contou coa oposición, pero tampouco coa veciñanza, co tecido comercial nin cos colectivos afectados. E isto é especialmente grave nun tema que afecta á mobilidade, á economía local e ao día a día de milleiros de persoas do Milladoiro".

"Iso é polo que estamos hoxe aquí. É inadmisible ter que chegar a este punto e vernos obrigados a convocar un pleno extraordinario para coñecer información moi básica sobre un proxecto destas características. É inaudito que a Corporación e a veciñanza teña que informarse pola prensa sobre un servizo que nin sequera ten os seus pasos fundamentais dados. Non se convocou a Comisión, non hai estudo rematado, non hai regulamento, non hai ordenanza, pero anunciamos na prensa que está a piques de abrir. De verdade a vostedes lles parece isto serio? E isto non é cuestión tan só dun aparcadoiro, é cuestión de como se está gobernando neste concello. É un Goberno que substitúe a planificación polo anuncio, o diálogo pola imposición e a transparencia polo escurantismo".

Finalizou dicindo "se seguen por este camiño van a pasar á historia como o primeiro Goberno de Ames que cobrou por aparcar no concello, e iso chámase privatizar. E, por suposto, sen consensuar e garantir que ese modelo sexa o mellor para a maioría social. Certo é que encaixa perfectamente co modelo deste mandato e deste Goberno do Partido Socialista: privatización, recorte nos servizos públicos, e agora tamén no que aos aparcadoiros se refire. Non se equivoquen, queremos que se fagan cousas, pero que se fagan ben, con garantías, transparencia e dirixidas á maioría social deste concello".

Intervención da voceira do Partido Popular
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, comezou dicindo "desde o Partido Popular queremos deixar clara a nosa posición respecto deste pleno extraordinario. Aínda que estamos de acordo coa finalidade coa que se solicitou a convocatoria deste pleno extraordinario, desde o Partido Popular consideremos que o instrumento máis axeitado sería unha comparecencia do alcalde ou do concelleiro de Urbanismo, na que puideran explicar en que punto se atopa o expediente, porque realmente non podemos debater sobre este punto porque non temos ningún tipo de documentación". 

"Como sabemos en decembro de 2024 aprobouse iniciar o expediente para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas na rúa Pardiñeiros. Posteriormente, o 24 de febreiro constituíuse unha Comisión de Estudio, na que participamos os diferentes grupos da oposición, xunto co persoal técnico, na que acordamos unanimemente encargar a redacción dunha memoria e facultar ao presidente para contratar o estudio indicado. Desde aquela non volvemos a saber nada do aparcadoiro baixo tarifas do Milladoiro, polo que a pregunta é inevitable, para que se creou esa Comisión, se desde a súa constitución non volvemos a ser convocados. Unha Comisión que debería ser para estudar o proxecto, analizar a súa viabilidade, coñecer os seus aspectos sociais, xurídicos, técnicos e económicos, e manter informados a todos os grupos municipais. Non se convocou e tampouco recibimos a información que vimos reclamando, nin contestación aos 12 escritos presentados solicitando a copia do estudio para a prestación do servizo público de aparcadoiro baixo tarifas no Milladoiro".

"Desde o Partido Popular de Ames queremos deixar claro que non nos negamos a debater sobre o aparcadoiro do Milladoiro, nin a traballar por ter un aparcadoiro, todo o contrario, sabemos que é un asunto de enorme importancia para os veciños e comerciantes do Milladoiro, e nós en ningún momento dixemos que estivéramos en contra deste aparcamento, o que si pedimos é transparencia e toda a documentación enriba da mesa". 

Intervención do concelleiro de Urbanismo
O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explicou que "en decembro de 2024 anunciouse por parte deste goberno a intención de poñer en funcionamento un aparcamento nun edificio que pola súa configuración arquitectónica xa estaba destinado a este uso comercial. Nun primeiro momento falouse de 135 prazas porque había un propietario que estaba disposto a poñer en funcionamento dito aparcamento en explotación pública. Posteriormente, meses despois, había outro propietario, que na mesma ubicación, dispoñía e 80 prazas de aparcamento e que tiña tamén a intención de chegar a un acordo do Concello. Son dúas propiedades de natureza privada e fíxose un estudio para saber a cantas prazas se podía chegar, e determinouse o número de 220 prazas". 

"Creouse esa Comisión de Estudo porque ao principio non se sabía que formula xurídica se podía levar a cabo, pero por parte das dúas propiedades determinouse que a súa pretensión era facer unha construción completa de dito aparcamento, dotala de todos os medios técnicos necesarios, e facer un aparcamento chave en man que se puidera explotar directamente. Debido a iso non se convocou a Comisión de Estudio, porque este goberno quedou tamén á espera de saber en que momento finalizarían as obras e de coñecer as características técnicas. Por iso non puidemos avanzar esta información porque nós tampouco sabíamos o réxime e o ritmo que levaban esas obras. Unha vez finalizadas as obras e de que estea en disposición do Concello, convocarase a Comisión de Estudio para dar conta de todas estas circunstancias e das característica deste aparcadoiro". 

“En canto á transparencia do procedemento, toda, porque vostedes saben que o réxime de funcionamento, regulamento e ordenanza reguladora é cuestión de competencia plenaria. Polo que cando teñamos todos os datos e se realice a valoración económica, abordarase nesa Comisión de Estudo e no pleno. Non hai pretensión ningunha de ocultar nada, porque é un expediente de competencia plenaria. O que se trata é de enredar porque hai grupos, así o manifestaron, que non queren que esta infraestrutura se poña en funcionamento. Isto é algo que levaba moitos anos parado no Milladoiro, e que agora se vai a poñer en funcionamento. Abordarase en comisión e en pleno".

Intervención do alcalde
Pechou o pleno o alcalde, Blas García, que aclarou que "privatizar é cando hai algo público e se pasa a privado. Neste caso, está claro que iso non é público, e o que se pretende facer é xustamente todo o contrario, xestionalo de maneira pública para que existan unhas tarifas asequibles para os usuarios e usuarias. Seguramente, se non se fai de maneira pública, se fará de maneira privada, e as tarifas serán outras que non poderá regular o Concello a través dunha ordenanza fiscal".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La comisión del aparcamiento de O Milladoiro,  en Ames, analizará su gestión cuando termine la obra"

A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro

Multimedia

  • A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro
  • A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro
  • A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro
  • A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro
  • A Corporación municipal aborda a situación do novo aparcamento baixo tarifas do Milladoiro