Solapas principales

Convócase para o mércores o pleno de organización da nova Corporación municipal do Concello de Ames

Lunes, 26 de junio de 2023

O salón de Plenos da Casa do Concello acollerá este mércores, 28 de xuño, a sesión plenaria extraordinaria de organización da nova Corporación municipal do Concello de Ames. A sesión, que comezará ás 20,30 horas, servirá para determinar, entre outros asuntos, a periodicidade das sesións ordinarias do pleno, das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local, a creación e composición das comisións informativas e permanentes, a dotación de medios en favor dos grupos políticos,  a creación de postos de traballo de persoal eventual e maila asignación de dedicacións exclusivas e parciais. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Este mércores, 28 de xuño, ás 20.30 horas, celebrarase o pleno extraordinario de organización da nova Corporación local para o mandato 2023-2027. Cómpre salientar que o pasado 17 de xuño realizouse o pleno de constitución da nova Corporación municipal no que se investiu a Blas García como alcalde de Ames.

A sesión plenaria extraordinaria deste mércores divídese en dúas partes. Primeiro darase conta da constitución dos grupos políticos municipais e das resolucións da Alcaldía en materia de nomeamento de tenentes de alcalde, membros de Xunta de Goberno Local, creación de concellerías delegadas e delegacións conferidas pola Alcaldía.

Na parte resolutiva, primeiro abordarase a aprobación da acta da sesión constitutiva da Corporación. Tamén se abordará a periodicidade das sesións ordinarias do Pleno, a periodicidade das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local, e maila creación e composición de Comisións Informativas Permanentes.

O Pleno abordará tamén o nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados competencia de Pleno, as delegacións do pleno na Xunta de Goberno Local, a dotación de medios en favor dos grupos políticos, a creación de postos de traballo de persoal eventual de confianza e a asignación de dedicacións exclusivas e parciais.

Creación de concellerías e delegacións da Alcaldía
En función das resolucións, Blas García, dispón de competencias relacionadas coa Alcaldía, Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación. Xestiona as áreas de cultura, bibliotecas, festas, tecnoloxías da comunicación, informática, relación cos medios, axenda urbana, proxectos europeos e normalización lingüística. Susana Señorís encárgase da Concellaría de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde. Seguirá xestionando as mesmas áreas que no mandato anterior e engade ás áreas de economía, facenda, contratación e relacións institucionais. Así xestiona economía, facenda, contratación, deportes, saúde e relacións institucionais.

Víctor Fernández é concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade e xestiona as áreas de urbanismo, administración xeral, persoal, seguridade, tráfico e transporte. Neste caso incrementa as competencias de tráfico e transporte. Ademais, Víctor Fernández será o voceiro do Goberno municipal. Ana Belén Paz é concelleira de Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal, que comprende as áreas de comercio, innovación, emprego, atención e participación veciñal. Xestiona as mesmas áreas que no mandato anterior e suma as competencias de atención e participación veciñal.

Por outra banda, Gustavo Nieto encárgase da Concellaría de Obras e Servizos Básicos que engloba as áreas de planificación e programación de obras, brigada municipal, parques, xardíns e áreas infantís, ciclo integral da auga, xestión do lixo, cemiterio municipal e iluminación. Uxía García leva a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado que comprende as áreas de servizos sociais, igualdade, migración e voluntariado.

Javier Antelo é o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio. Xestiona as áreas de medio ambiente, plan de prevención de incendios, aula da natureza, xestión ética de animais, patrimonio histórico e municipal e transparencia. Por último, Carmen Porto é concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, que comprende as áreas de educación, servizos educativos complementarios e de conciliación, e mocidade.

Tenencias de alcaldía e Xunta de Goberno Local
No decreto de nomeamento dos/as tenentes de alcalde establécese que a primeira tenente de alcaldía é Susana Señorís; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a Víctor Fernández; a terceira tenente de alcalde é Ana Belén Paz; e a cuarta tenencia de alcaldía é para Gustavo Nieto.

A Xunta de Goberno Local está composta por Blas García, que na súa calidade de alcalde actuará como presidente, Susana Señorís, Víctor Fernández, Ana Belén Paz e Gustavo Nieto. Deste xeito, reduciuse o número de concelleiros/as que forman a Xunta de Goberno Local pasando de sete a cinco membros. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local realizaranse os xoves, ás 9.30 horas, coa periodicidade que se fixe no pleno de organización.

Imaxe de arquivo do salón de plenos