Solapas principales

Contos e música de Raquel Queizás no Apego de Ames, o xoves 13 no Milladoiro

Martes, 04 de octubre de 2022

As actividades do último cuadrimestre do programa Apego de Ames continúan cunha sesión de narración oral, O xogo de Nano, protagonizada por Raquel Queizás e a ra Nano. Trátase dun conto musical para coñecermos o corpo ao ritmo da música e favorecer a adquisición da lingua, a comprensión oral e a capacidade de atención das máis pequenas. A proposta, dirixida a familias con nenas e nenos de 1 a 4 anos, terá lugar o xoves, 13 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o martes, 11 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

“O xogo de Nano” é un conto musical para aprender as partes do corpo ao ritmo da música e da man dunha ra moi especial. A través das aventuras e das pequenas historias de Nano, favorecerase a adquisición da lingua, a comprensión oral e a capacidade de atención, ao tempo que se estimulan as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade das crianzas.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o martes, 11 de outubro. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego de outono de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para favorecer a transmisión da lingua

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Contos e música para os amesáns"

AMSGO!: "Raquel Queizás trae contos e música ao Apego de Ames o próximo xoves 13"

Contos e música de Raquel Queizás no Apego de Ames, o xoves 13 no Milladoiro

Multimedia

  • Contos e música de Raquel Queizás no Apego de Ames, o xoves 13 no Milladoiro