- Tematica
A Concellaría de Deportes, en colaboración con Xesta Natureza, organizou este domingo, 11 de maio, a cuarta edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolveu na contorna da Travesía do Porto, no Milladoiro, a partir das 11:00 horas. O evento, no que se inscribiron 240 participantes, contou con tres categorías de menor a maior dificultade (Xestiñas, Xestas e Xesteiras), nas que puideron participar deportistas de todos os niveis e idades. Premendo nesta ligazón pódese consultar as clasificacións da carreira.
A contorna da Travesía do Porto, no Milladoiro, acolleu este domingo, 11 de maio, a cuarta carreira de orientación do Concello de Ames, que organizou a Concellaría de Deportes, en colaboración coa entidade Xesta Natureza. A proba, na que se inscribiron 240 persoas, desenvolveuse a partir das 11:00 horas. Dende a organización estímase unha participación do 70% das persoas inscritas, co cal participaron arredor de 168 percoas.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, subliñou que “a xornada de orientación é unha actividade que esperta cada vez máis interese por parte da veciñanza de Ames. Este ano a carreira organizouse na localidade do Milladoiro, e a pesar de que choveu un pouco durante a mañá do domingo, houbo unha boa participación. Esta actividade é unha oportunidade para pasar unha xornada diferente en familia, desfrutando da natureza, descifrando os planos da proba todos xuntos e descubrindo novos recunchos do noso concello”.
Unha carreira de orientación é unha competición individual, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible, pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. Nesta ocasión, as persoas participantes contaron cunha tarxeta electrónica para ir rexistrando o seu paso polas balizas do percorrido, que se debían completar en orde.
Clasificacións por categoría
A carreira contou con tres categorías. A categoría Xestiñas, dirixida a nenos/as, era a máis sinxela física e tecnicamente, e contou cun percorrido por debaixo dos 3 quilómetros. Na categoría Xestas, a de dificultade intermedia, non se superaron os 4 quilómetros, e participaron adultos con coñecementos previos sobre a orientación. Por último, a categoría de maior dificultade, Xesteiras, foi unha proba máis esixente a nivel físico, cun circuíto de máis de 5 quilómetros, e que requiriu de experiencia na disciplina.
Na categoría Xestiñas o primeiro grupo Alluhuia (4 participantes) foron os primeiros en completar o percorrido nun tempo de 19:33. O segundo equipo foi Marronios (4 participantes) que dedicou un tempo de 20:12. Los Hobbits (6 participantes) foi o terceiro equipo cun tempo de 22:19.
Por outra banda, na categoría Xestas o primeiro equipo en completar o percorrido foi Nespereira (3 participantes) cun tempo de 18:10. Na segunda posición quedou Manuel Bouzas Junquera cun tempo de 18:57, mentres que o equipo Cibreiro (2 participantes) foi terceiro cun tempo de 19:23.
Por último, na categoría Xesteiras o primeiro foi Álvaro Rodríguez Pais cun tempo de 20:25. Entrenadores Pokemon (2 participantes) foi segundo cun tempo de 20:47 e Slashhh (3 participantes) quedou en terceira posición cun tempo de 22:39.
As saídas foron graduadas no tempo, polo que non comezaron a proba en ningún momento dúas persoas ou grupos á vez. Ao rematar a proba, puidéronse consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR impreso no propio mapa da actividade.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "IV Carreira de orientación do Concello de Ames"
AMSGO!: "A IV Carreira de Orientación do Concello de Ames reúne a preto de 170 participantes no Milladoiro"