Solapas principales

A contorna da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado, 12 de outubro, a I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”

Viernes, 11 de octubre de 2019

A localidade do Milladoiro acolle este sábado, 12 de outubro, a primeira edición da Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”, un evento solidario que se desenvolverá na contorna da Casa da Cultura  e do pavillón polideportivo. A Asociación Ángeles caídos sobre ruedas e o grupo Bikersolitari@s, en colaboración co Concello de Ames, organizan esta xornada na que haberá un mercadillo e cea solidaria, diferentes exposicións, exhibicións e música. Ao longo de toda a xornada haberá diferentes actividades: mercado solidario, actuacións musicais, exposición de motos e de de Agilitty, etc.

A xornada comezará ás 11:00 horas coa inauguración do mercado solidario, que contará con diferentes protectoras de Galicia, unha exposición de motos, a presentación do único taxi para mascotas na nosa comunidade, stands con pilotos e diferentes sorteos. Durante todo o día haberá diferentes exhibicións, ademais das actuacións musicais de Jerry Noia Jukebox, Sabela, e DJ Rober. O evento incluirá tamén unha exhibición de Agilitty, que se desenvolverá entre as 17:00 e as 18:30 horas.

A I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate” rematará coa celebración dunha cea solidaria cos padriños do evento, Jorge Casal e Sabela, que incluirá a actuación de Frank Jiménez e a chegada dos bikersolitari@s. Estes percorrerán durante toda a xornada do sábado unha ruta motera que os levará por A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago e O Milladoiro, visitando diferentes centros veterinarios e perrucarías caninas que colaboran co evento.

Toda a recadación conseguida na xornada, ben a través da ruta, do mercado ou da cea solidaria, irá destinada á Asociación Ángeles caídos sobre ruedas, unha asociación sen ánimo de lucro e protectora de animais que se centra na axuda aos mesmos mediante a elaboración de cadeiras de rodas ortopédicas a medida e adaptadas a cada un deles.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca “o carácter altruísta do evento, cun fin solidario tanto coas protectoras de Galicia como coa Asociación Ángeles caídos sobre ruedas. Dende o Concello de Ames estamos abertos a participar e colaborar en calquera actividade de carácter solidario ou que nos poda parecer interesante”.

Juan Lojo, do grupo Bikersolitari@s, destacou na presentación que se pretende facer “un evento solidario no que mesturamos o mundo dos animais e as motos, dúas paixóns que compartimos o presidente da Asociación Ángeles caídos sobre ruedas o eu, como organizador de eventos altruístas. Pretendemos axudar á asociación e tamén ás protectoras de animais, para o que faremos esa ruta por unha banda e, de xeito paralelo, ese mercado e cea solidaria no Milladoiro. Ademais, a xente que o desexe poderá colaborar doutras formas, que poden coñecer a través das nosas páxinas en redes sociais”.

Cartel da I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”

Multimedia

  • Cartel da I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”