Solapas principales

Continúa o programa Ames Emprega e Integra cunha sesión informativa sobre a formación ocupacional que inclúe a realización de 13 cursos

Miércoles, 28 de junio de 2023

Este xoves, 29 de xuño, ás 16.30 horas, no Espazo coworking A Proa, está previsto que se realice unha sesión informativa sobre a formación ocupacional que se vai impartir dende o 3 de xullo ata o mes de novembro nas instalacións de ForGa, que están situadas no parque empresarial Novo Milladoiro. Dita sesión correrá a cargo da encargada da empresa Rafer e dos docentes da parte sectorial. Posteriormente, farase unha visita á ForGa onde se vai a impartir a formación. Para participar nesta xornada hai que inscribirse cubrindo este formulario. Ames Emprega e Integra é un programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ao longo de cinco meses impartiranse un total de 13 cursos, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que se está executando é o programa Ames Emprega e Integra, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do concello de Ames. Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social.

Neste senso, o Concello de Ames puxo en marcha un programa de inserción laboral que responde ás actuais demandas sociais de dar cobertura a unha oferta formativa que incremente o índice de inserción laboral e social no municipio, como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo, axustándose aos intereses e necesidades dos colectivos ao que se dirixe e fomentando a cohesión social, a loita efectiva contra a discriminación e a erradicación da pobreza.

Formación ocupacional
Para dar a coñecer a formación ocupacional que se vai impartir dende o 3 de xullo ata o mes de novembro, vaise a realizar unha sesión informativa mañá, 29 de xuño, ás 16.30 horas, no Espazo coworking A Proa, no Milladoiro. A sesión correrá a cargo da encargada da empresa Rafer e dos docentes da parte sectorial. Despois farase unha visita ás instalacións de ForGa, situadas no parque empresarial do Milladoiro, onde se vai a impartir a formación. Para participar nesta xornada hai que inscribirse cubrindo este formulario.

A formación ocupacional comeza o luns, 3 de xullo, con un curso de prevención de riscos laborais. Ademais, ata o vindeiro mes de novembro impartirase formación sobre prevención de riscos laborais de albanelería; restaurante e bares; auxiliar de cociña; manipulador de alimentos; limpeza; camareiro/a de pisos; recepción e atención ao cliente en aloxamentos; dependente de comercio; almacén; comercial; empregado/a doméstico/a; fotovoltaica e térmica.

Por outra banda, estanse impartindo outras actividades formativas máis curtas de duración. Deste xeito, o venres 30 de xuño, de 9:00 a 14:00 horas, impártese un curso de preparación de entrevistas de traballo, na sala Maruxía do Espazo A Proa. Ademais, o luns 3 de xullo, de 9:00 a 12:30 horas, no Espazo A Proa, no Milladoiro, impartirase o curso de habilidades sociais “Que transmitimos aos demais?; e o mércores 5 de xullo, e 9.00 a 14.00 horas, realízase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o curso “Uso do smartphone para a mellora da calidade da vida”.

Cal é o obxectivo do programa?
O obxectivo de dita iniciativa é a inserción laboral das persoas participantes ou a mellora da sua empregabilidade. Lévase a cabo mediante a execución dun programa de inserción laboral derivado dun estudio realizado previamente que determinou os colectivos desfavorecidos e as súas demandas específicas de formación, acompañamento e practica laboral.

O programa está dirixido prioritariamente a persoas mozas (menores de 30 anos), con particular atención a aqueles con déficit de formación, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares non compartidas, persoas con discapacidade, persoas en situación de exclusión social e persoas inmigrantes. Para participar é necesario residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

O programa ten como ámbito territorial a totalidade do concello de Ames, priorizando os núcleos poboacionais do Milladoiro e de Bertamiráns como eixos presenciais do programa. As actividades do programa comezaron coa captación de participantes ao longo do mes de maio e desenvolverase ata novembro deste ano.

Procedemento para inscribirse
As inscricións pódense realizar chamando ao número de teléfono 674 594 843, enviando un correo electrónico ao enderezo ames.integra.emprega@gmail.com ou a través da páxina web de Ames Integra e Emprega.

A estratexia proposta co programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames pon o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Cartaz da sesión informativa sobre a formación ocupacional

Multimedia

  • Cartaz da sesión informativa sobre a formación ocupacional