Solapas principales

Continúa a campaña “Ilumina o teu sorriso”, cun móbil de última xeración a sorteo

Miércoles, 29 de diciembre de 2021

A Concellaría de Promoción Económica anima á veciñanza a participar na campaña “Ilumina o teu sorriso”, xa na súa terceira edición, na que se pode entrar no sorteo dun teléfono móbil de última xeración ao fotografarse con dúas das seis decoracións de Nadal do concello seleccionadas pola organización. As luces escollidas ocupan, en Bertamiráns, as prazas do Concello, da Maía e de Chavián, mentres que no Milladoiro se atopan nas prazas de Manuel Murguía, da Madalena ou na rúa Anxeriz. O prazo para participar no concurso remata o venres 7 de xaneiro. As bases da campaña están dispoñibles premendo nesta ligazón.

A iniciativa da campaña “Ilumina o teu sorriso” é das tres asociacións de comerciantes e empresarios amesás, e conta coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica, Rueiro Clínica Dental e o estudo Javier Troitiño Fotógrafo. A proposta volve por terceira vez, co fin de fomentar o comercio local e dar visibilidade ao concello. As persoas participantes no certame, que deben ser maiores de idade, deberán presentar dúas fotografías inéditas e orixinais, enviándoas ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com.

É imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos da persoa participante: nome, apelidos, data de nacemento, dirección e teléfono de contacto (preferiblemente móbil), así como o texto “Autorizo aos organizadores a difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo”. O prazo para enviar as fotos estará aberto ata o venres 7 de xaneiro de 2022. Soamente se permitirá unha participación por persoa, que coa súa inscrición entra no sorteo dun teléfono móbil de última xeración, doado por Rueiro Clínica Dental.

Para participar no concurso teranse que realizar dúas fotos en dúas das seis localizacións indicadas pola organización, destacadas polos elementos de alumeado de Nadal situados nelas. Os puntos son, en Bertamiráns, o logo do concello de Ames, na praza do Concello; o número 2022, na praza da Maía, e a iluminación das árbores da praza de Chavián. Por outra banda, no Milladoiro os elementos a fotografar son a árbore luminosa da praza Manuel Murguía; a bóla xigante da praza da Madalena, e a manta de luces de Anxeriz.

As persoas participantes prestan o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram e Facebook @amesnarua, baixo os cancelos #iluminaoteusorriso21 e #amesnarua. Ao final da campaña, o estudo Javier Troitiño Fotógrafo organizará unha mostra coas composicións que participen.

Continúa a campaña “Ilumina o teu sorriso”, cun móbil de última xeración a sorteo

Multimedia

  • Continúa a campaña “Ilumina o teu sorriso”, cun móbil de última xeración a sorteo