Solapas principales

Continúa aberto ata o 15 de decembro o prazo de devolución do saldo das tarxetas Merc@mes

Viernes, 03 de diciembre de 2021

Ata o 15 de decembro está aberto o prazo para solicitar a devolución da parte proporcional dos saldos das tarxetas bono, unha vez que as dúas fases da campaña xa remataron. O 60% do saldo da tarxeta que non foi gastado, o que corresponde coa achega das persoas beneficiarias da subvención, poderá ser reclamado á entidade Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), cumprimentando o seguinte formulario e enviándoo ao enderezo electrónico bonosames@gmail.com. A Concellaría de Promoción Económica lémbralles aos donos/as das tarxetas que non se desfagan delas, dado que poderán empregarse en futuras campañas.

Ademais de poder descargar o formulario aquí, poderase recoller tamén nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, nas oficinas de Servizos Sociais de Bertamiráns e na propia Casa consistorial, se ben a reclamación debe presentarse de igual maneira vía correo electrónico, no enderezo bonosames@gmail.com. Nas tarxetas quedaron pendente de gastar un total de 9.678,21 euros.

A Concellaría de Promoción Económica puxo en circulación nesta segunda fase da campaña Merc@mes 2.800 tarxetas. Concretamente vendéronse 1.000 tarxetas de 50 euros e 1.800 tarxetas de 100 euros, o que supón un total de 230.000 euros dirixidos á promoción do comercio e da hostalaría local. A este importe hai que sumarlle o investimento realizado na primeira fase da campaña, polo que o volume de negocio total da campaña Merc@mes, témolo todo! ascende a 430.000 euros.

A Concellaría de Promoción Económica lémbralles aos donos/as das tarxetas que non se desfagan delas, dado que poderán empregarse en futuras campañas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima á veciñanza a que solicite a devolución do importe das tarxetas que non gastaron, correspondente co 60% do importe que aboaron os usuarios/as. Tamén agradecer “a todas as veciñas e veciños de Ames, así como ás visitantes da contorna o moito que axudaron ao noso comercio local e á hostalaría durante esta campaña de Merc@mes. Asemade, quero darlle tamén as gracias ás tres asociacións de empresarios do concello, a Xuntanza de Empresarios de Ames, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro e a Asociación Palmira Bulevar, que se implicaron e colaboraron connosco”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Prazo para a devolución do saldo da tarxeta bono amesá ata o 15 deste mes"

Compostela 24 Horas: "Continúa aberto ata o 15 de decembro o prazo de devolución do saldo das tarxetas Merc@mes"

Continúa aberto ata o 15 de decembro o prazo de devolución do saldo das tarxetas Merc@mes