Solapas principales

Constitúese o xurado do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro de Mocidade do Milladoiro

Sábado, 26 de septiembre de 2020

Este pasado luns, 21 de setembro, celebrouse a sesión constitutiva do xurado do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do Centro de Mocidade, un edificio dedicado a un centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e a persoas en proceso de inserción socio-laboral. Este primeira xuntanza tivo lugar despois de que se aprobase o pasado 18 de setembro en Xunta de Goberno Local a composición do xurado. Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se van executar é a creación e dotación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro. Este proxecto ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais.

Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Dito concurso de proxectos contempla o pago de contraprestacións económicas aos concursantes finalistas en concepto de gastos pola elaboración de propostas e pola entrega das mesmas e a súa posta a disposición do Concello de Ames, por un importe máximo total de 30.000 euros, que é o importe base da licitación aprobada, así como a concesión da redacción do proxecto.

O Concello de Ames avanza na tramitación de dito proxecto. Este pasado luns, 21 de setembro, celebrouse a sesión constitutiva do xurado do concurso de ideas. Este primeira xuntanza tivo lugar despois de que se aprobase o pasado 18 de setembro en Xunta de Goberno Local a composición de dito xurado.

Composición do xurado do concurso de ideas
Deste xeito, o presidente é o concelleiro de Administración Xeral do Concello de Ames, Víctor Fernández. Como suplente figura a concelleira de Deportes, Susana Señorís. A secretaría correrá a cargo de persoal funcionario do servizo de Contratación do Concello de Ames. Os/as vogais son os arquitectos Alberto Redondo Porto e Luís Gil Pita, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e como suplentes figuran os arquitectos Antonio  Davila Alonso e Ángel Cid Carballo. O arquitecto representante dos concursantes elixido por maioría é Carlos Quintáns Eiras. Tamén figura como vogal a arquitecta do Concello de Ames, Marta Bellas, e na súa substitución, Anxo Panero Pardo, arquitecto da oficina técnica do Consorcio de Santiago de Compostela.

O/a gañador/a do concurso de ideas será o/a encargado/a da redacción do proxecto e da dirección de obra. O primeiro premio, para o proxecto gañador, estará dotado de 20.000 euros, que forman parte da contraprestación polos traballos de redacción e dirección de proxecto; o segundo premio contempla 6.000 euros; e o terceiro premio dispón de 3.000 euros. Ademais, haberá dous accésits dotados de 500 euros cada un.

Espazo multidisciplinar de convivencia e formación
Deste xeito, está previsto construír un edificio para realizar funcións de centro multidisciplinar de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e a persoas en proceso de inserción socio-laboral. Este centro debe entenderse como un espazo multidisciplinar de convivencia, de intercambio, colaboración e formación. Ademais, o centro usarase tamén como espazo de reunión de diferentes colectivos amesáns (ANPAS, asociacións culturais, colectivos desfavorecidos, grupos musicais ou asociacións deportivas). Como centro de mocidade será importante dotalo e pór a disposición da xuventude amesá, actividades e servizos axeitados ás súas necesidades e intereses.

O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro. Dito centro situarase na parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, e que conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados, onde se delimitará o espazo necesario para albergar o edificio, as zonas verdes e o aparcamento. Dita parcela foi cedida en 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiros. En marzo de 2018 o Goberno solicitou a reversión desta parcela que foi aprobado en Pleno, permitindo así dispoñer da mesma para esta importante infraestrutura.

Preténdese que o centro multidisciplinar da mocidade dispoña de varias instalacións como recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil (OMIX); patio exterior; aula taller; espazo creativo; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; e aseos, pero o proxecto final será o que regule os espazos finais co que contará o edificio en base ao orzamento total previsto que ascende a 1,2 millóns de euros. Tamén se barralla a opción de que dispoña dunha sala deportiva/baile e unha sala de ensaios musicais.

Espazo para actividade xuvenil
Para o alcalde de Ames, Jose Miñones, “esta infraestrutura é un dos puntos forte do Plan Impulsa Ames, que permitirá dispoñer dun espazo moi demandado no concello máis xoven de Galicia, e desenvolver unha zona do Milladoiro na que queremos concentrar a actividade xuvenil”.

O presidente do xurado e concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, destaca “a gran repercusión e interese que despertou este concurso, o primeiro que facemos en Ames, xa que son máis de 100 os arquitectos e arquitectas de toda Galicia que se presentaron, o cal da un espaldarazo moi importante ao proceso e o proxecto, que terá unha gran calidade á vista das moitas ofertas presentadas”.

Imaxe da parcela onde se construirá o centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro