Solapas principales

A Consellería de Sanidade decreta o peche perimetral do concello de Ames, xunto aos de Santiago e Teo

Viernes, 30 de octubre de 2020

A Consellería de Sanidade anunciou esta mañá o peche perimetral do concello de Ames, xunto cos concellos limítrofes de Santiago de Compostela e Teo. Deste xeito, queda restrinxida a entrada e saída de persoas no ámbito territorial delimitado, excepto aqueles desprazamentos adecuadamente xustificados conforme ao Decreto 178/2020. Non estará sometida a restrición algunha a circulación en tránsito a través dos concellos de Ames, Santiago e Teo. Este peche entrou en vigor ás 15:00 horas de hoxe venres 30 de outubro. Ademais, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, queda limitado aos grupos constituídos só por persoas conviventes, incluídos nos establecementos hostaleiros. Este grupos poderán de ser como máximo de 5 persoas.

A Xunta de Galicia vén de decretar medidas que conlevan a restrición da mobilidade no concello de Ames, xunto con Santiago de Compostela e Teo, ademais de limitar as xuntanzas, que dende agora tan só poderán ser de persoas conviventes, e nos espazos de uso público os grupos serán de ata un máximo de 5 persoas. Segundo indicou o Conselleiro de Sanidade, en rolda de prensa esta mañá, as medidas revisaranse a partir do próximo martes 3 de novembro. Fóra destes tres concellos non se poderá saír ou entrar sen unha causa xustificada.

Por outra banda, cabe resaltar que previsiblemente no día de mañá publicarase unha nova Orde da Xunta de Galicia, na que se decretará o NIVEL 3 para todo o Concello de Ames.

Ata este novo Orde, o núcleo de O Milladoiro continúa rexéndose polas medidas específicas establecidas nas pasadas semanas, e mentres non se publique a nova normativa, o resto do municipio, continúa rexéndose pola normativa aplicable para a Comunidade Autónoma en xeral, salvo no referente á limitación de mobilidade a outros concellos que non sexan Santiago e Teo, así como a limitación a xuntanzas entre conviventes que están en vigor dende hoxe día 30 de outubro de 2020 ás 15.00 horas.

Peche perimetral de Ames
Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Santiago de Compostela, Teo e Ames, entre outros. Quedan exceptuados da anterior limitación aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Restricións ás agrupacións de persoas
En Ames, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes. Lémbrase que nos espazos de uso público os grupos serán de ata un máximo de 5 persoas.

Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Cartel coas medidas aprobadas o 30 de outubro de 2020

Multimedia

  • Embedded thumbnail for