Solapas principales

A conselleira de Infraestruturas presenta en Ames un plan no que se enmarca a mellora do firme dun tramo de 1.100 metros da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira

Miércoles, 17 de febrero de 2016

[17-02-2016] Esta mañá a consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou en Bertamiráns un plan de reforzo de firme nas travesías das estradas AC-544 en Bertamiráns (Ames), AC-445 en Fisterra e a Anchoa (Fisterra), AC-455 en Portomouro (Val do Dubra) e AC-196 en Ponte Nafonso (Outes), que se enmarca dentro do Plan MOVE (Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica). Deste xeito, mellorarase o firme dun treito de 1.100 metros da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira. A conselleira estivo acompañado do alcalde de Ames, José Miñones, do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. A este acto tamén asistiu o concelleiro do grupo municipal popular Francisco Javier Olmo.

A localidade de Bertamiráns foi o lugar escollido está mañá como escenario da presentación dunha nova actuación da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, que consistirá no reforzo e mellora do firme da travesía da estrada AC-544, que une Bertamiráns e Negreira. Nesta actuación a Xunta de Galicia investirá un total de 521.647,13 euros. O plano do proxecto, no que se mostra o tramo de 1,1 km no que se realizará a actuación, foi explicado polos técnicos da Consellería, ante a atenta mirada da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, do alcalde de Ames, José Miñones e dos concelleiros de Obras e Educación de Ames, Blas García e David Santomil.

Esta mesma mañá foi publicado no DOG o anuncio de licitación destas obras, que inclúen ademais actuacións nos concellos de Val do Dubra, Fisterra e Outes. No citado tramo do municipio de Ames procederase non só á mellora do firme, senón tamén á drenaxe do mesmo e á colocación de sinalización, ao tratarse da estrada que corre paralela ao CEIP da Maía e ao IES de Ames. O alcalde agradeceu a visita da conselleira e a elección de Bertamiráns como escenario para a presentación do proxecto, indicando que "toda obra que reforce a seguridade viaria e contribúa ao mantemento das infraestruturas no municipio é benvida".

José Miñones solicitoulle á conselleira que as obras que se leven a cabo inclúan, ademais do firme da estrada, as dúas beiravías para evitar desniveis. Unha petición que, como recalcou, "lévase facendo dende hai xa tempo". Rexedor e concelleiros achegáronlle á conselleira a petición de aproveitar as obras para reforzar as medidas de seguridade da contorna dos centros escolares do CEIP A Maía e do IES de Ames. Neste senso, invitouse aos técnicos da consellería ás probas que se realizarán a vindeira semana na dársena de autobuses do CEIP A Maía e do IES de Ames, para ordenar o tráfico de vehículos e mellorar a seguridade viaria nesa zona escolar.

Ademais, o rexedor municipal aproveitou a ocasión para comentarlle a Ethel Vazquez varias das peticións e preocupacións do goberno municipal en torno ás infraestruturas municipais. Deste xeito, falaron da solicitude feita para instalar barreiras de control de velocidade nas inmediacións do CEIP de Barouta, entre outros asuntos.

Solicitude dunha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas
O alcalde de Ames lembrou que "dende hai un tempo se lle solicitou á consellería de Infraestruturas unha reunión para tratar estes e outros temas, entre eles a mellora do servizo de transporte metropolitano no concello" e que, dende o consistorio, se espera que se realice o antes posible.

A conselleira de Infraestruturas adiantou que se agarda o comezo das obras de mellora do firme da AC-544 a principios do verán, de forma que non coincidan co curso escolar. Adiantou, ademais, que a empresa concesionaria da AG-56, que ten un carril cortado ao seu paso por Bertamiráns debido a un derrubo de terra por mor dun temporal, comezará as obras "dentro de poucas semanas". Sobre este asunto Miñones insistiu en que “dende o goberno o que se está defendendo é que a solución adoptada sexa a máis segura é fiable para que non se volva a producir ningún desprendemento de terra neste noiro da AG-56”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Anuncian mejoras de asfalto y señalización en viales de Ames, Ordes y Oroso por 1,3 millones"