Solapas principales

Conciliación para fomentar o consumo local co programa “Nadal con Ames na Rúa”

Miércoles, 01 de diciembre de 2021

Dende o 4 de decembro ata o 8 de xaneiro, a Concellaría de Promoción Económica de Ames pon á disposición da veciñanza dúas horas en locais de ocio para a rapazada, en quendas de mañá e tarde e en datas complicadas para conciliar. Ao presentar un ticket de compra de calquera importe dalgún comercio ou establecemento hostaleiro do concello, as familias poderán deixar ás súas nenas e nenos nos locais Educalia, en Bertamiráns, e Planeta Máxico, no Milladoiro, co fin de facilitar o consumo na hostalaría e no comercio local.

As datas nas que se prestará este servizo foron seleccionadas pensando en facilitar a conciliación das familias amesás. Os días indicados caen na fin de semana ou durante o período de vacacións escolares da rapazada, que poden ser complicados dependendo das circunstancias persoais ou da vida laboral de nais, pais ou persoas titoras.

Poderase levar á rapazada aos dous locais do Milladoiro e de Bertamiráns polas mañás, de 11:00 a 13:00 horas, ou polas tardes, de 17:00 a 19:00 horas. Os días escollidos para estas actividades de conciliación son os sábados 4, 11 e 18, ademais do 22 e 23, do 27 ao 30 de decembro e os días 3, 4, 7 e 8 de xaneiro. O venres 24 de decembro tamén se prestará servizo, pero exclusivamente en horario de mañá.

Os locais de ocio nos que terán lugar as actividades para rapazada están localizados nos dous grandes núcleos do concello, O Milladoiro e Bertamiráns. Os establecementos son, no Milladoiro, Planeta Máxico, na Rúa das Hedras, Nº46, B. Pola súa banda, o local de Bertamiráns será Educalia, na Avenida da Peregrina, Nº3, baixo. Estas propostas son parte da programación de Nadal da Concellaría de Promoción Económica, “Nadal con Ames na Rúa”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que dende o seu departamento complementan o fomento do comercio local con medidas sociais, como a conciliación. “O noso obxectivo é que as familias poidan realizar con tranquilidade as súas compras de Nadal no comercio local ou consumir na hostalaría, deixando aos seus nenos e as súas nenas en espazos seguros e desenvolvendo actividades divertidas”. Ademais, recordou que as persoas adultas que asistan aos obradoiros do programa de Nadal poderán deixar ás súas nenas e nenos nos locais de ocio, presentando a folla de inscricións.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames fomenta el consumo local en navidad con vales para niños en locales de ocio del municipio"

Conciliación para fomentar o consumo local co programa “Nadal con Ames na Rúa”

Multimedia

  • Conciliación para fomentar o consumo local co programa “Nadal con Ames na Rúa”