- Tematica
O Concello de Ames, a Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Autocaravanas inauguraron a nova área de autocaravanas de Bertamiráns. Ao acto sumáronse arredor de 100 autocaravanas e máis de 200 autocaravanistas, que participaron nunha concentración de tres días coincidindo coa estrea desta nova infraestrutura.
No acto interviron o alcalde de Ames, Blas García; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a presidenta da Asociación Galega de Autocaravanas, María del Mar García; e o vicepresidente da entidade, Cesáreo González. Todos eles deron a benvida ás 16 novas prazas para autocaravanas, unha infraestrutura que pretende potenciar un tipo de turismo en clara expansión. Tamén estiveron presentes concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.
O alcalde de Ames, Blas García, amosou a súa satisfacción por inaugurar esta área “da mellor maneira posible, con máis de 100 autocaravanas e máis de 200 autocaravanistas”. O rexedor destacou a necesidade desta infraestrutura debido ao crecemento experimentado polo concello nos últimos anos, que “agora mesmo conta con dúas zonas adecuadas para responder á demanda de espazo do colectivo autocaravanista”. Ademais, anunciou futuras actuacións de mellora, como a ampliación e o peche da área situada no Milladoiro.
Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a importancia de dotar o sector autocaravanista de infraestruturas como esta. Segundo indicou, “as autocaravanas non son un problema; ao contrario, as administracións públicas temos un déficit con este colectivo e debemos dotar este tipo de turismo dos servizos necesarios”. Tamén subliñou que o autocaravanismo representa un turismo tranquilo, cultural e respectuoso coa paisaxe.
Durante o acto, a Asociación Galega de Autocaravanas fixo entrega de varios agasallos ao alcalde de Ames e ao vicepresidente da Deputación en sinal de agradecemento pola posta en marcha desta infraestrutura. Tanto María del Mar García como Cesáreo González coincidiron en destacar o impacto positivo que terá esta área para a zona, así como a proxección do nome do concello de Ames entre a comunidade autocaravanista.
Características da área de autocaravanas
A nova área conta con 15 prazas de estacionamento para autocaravanas cunhas dimensións de 7,5 por 3,5 metros. Ademais, dispón dunha praza adaptada, de maior tamaño (7,5 por 4 metros), que inclúe un espazo lateral adicional de 1,5 por 7,5 metros para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida.
O espazo está equipado cos correspondentes servizos de recollida de augas fecais, punto de subministración de auga potable, toma de auga para encher os depósitos de augas limpas e unha reixa para o baleirado de augas grises e negras dos vehículos. Así mesmo, a zona conta con alumeado público.
Colaboración entre administracións
Esta actuación foi posible grazas á colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ames mediante un convenio polo que a entidade provincial financiou o 80% das obras. O contrato foi adxudicado por un importe de 68.437 euros.
Neste sentido, o alcalde destacou a importancia da colaboración entre administracións e o apoio da Deputación da Coruña aos concellos para desenvolver este tipo de infraestruturas.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames impulsa el turismo itinerante: inaugura un área para autocaravanas en Bertamiráns y anuncia mejoras en la de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Bertamiráns estrena una área para autocaravanas"
Lindeiros: "A Deputación cofinancia a nova área de caravanas de Ames"








