Solapas principales

A concelleira de Benestar Social participou en Lugo no acto de adhesión do protocolo “En Negro contra a Violencia”

Viernes, 22 de noviembre de 2019

A cidade de Lugo acolleu esta mañá o acto de adhesión do protocolo ‘En Negro contra a Violencia’, que foi asinado por 138 concellos galegos e as Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Tratouse dun acto no que se quixo visualizar a unidade dos municipios contra as violencias machistas. Por parte do Concello de Ames asistiu a dito acto a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo. O protocolo supón a difusión da campaña a través de diferentes materiais e das redes sociais e a cesión de espazos para a distribución de material informativo.

O Vello Cárcere de Lugo acolleu este acto ao que acudiron preto de 70 representantes dos 138 municipios de Galicia que se sumaron ao protocolo e das Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Por parte do Concello de Ames asistiu a dito acto a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo.

No acto, presentado pola tenenta de alcaldesa da Área de Cohesión Social do Concello de Lugo, Ana María González, tomaron a palabra o alcalde de Santiago, José Sánchez Bugallo; o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García; a alcaldesa de Vilalba, Alba Veleiro; a concelleira de Igualdade de Sada, Isabel Reimúndez; a concelleira de Igualdade de Teo, Iria Otero; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
 
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “é un orgullo ver como cada vez son máis os Concellos que se suman a esta acción que permite facer visible nas rúas e dende a sociedade en xeral a repulsa contra a lacra das violencias. A fortaleza desta acción é que, ademais de aglutinar Concellos diversos: grandes, pequenos, rurais, de diferentes cores políticas, fai que as mulleres se sentan arroupadas, sobre todo aquelas que por desgracia sofren ou sufriron algún tipo de violencia, facendo que non se sentan soas”.

Obxectivos do protocolo
No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son “fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas”.

Tamén se asume como meta “a promoción da transversalidade de xénero nas accións e políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención, eliminación e tratamento das violencias de xénero en todos os ámbito”. Finalmente, os asinantes comprométense a “identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais”.

Para cumprir estes obxectivos, os concellos e as deputacións promoverá “a implicación dos axentes sociais e económicos municipais para tinguir de negro o rural, as vilas e as cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte”. O protocolo tamén supón a difusión da campaña a través de diferentes materiais e das redes sociais e a cesión de espazos para a distribución de material informativo.

Foto de familia feita no Vello Cárcere de Lugo

Multimedia

  • A concelleira de Benestar Social participou en Lugo no acto de adhesión do protocolo “En Negro contra a Violencia”
  • O protocolo En Negro contra a Violencia foi asinado por 138 concellos galegos e as Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra