- Tematica
O Concello de Ames dá outro paso cara a humanización do entorno das rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias no Milladoiro. O alcalde e o concelleiro de Obras dirixíronse á localización do inmoble número 6 da rúa da Madalena para constatar o inicio dos traballos de demolición do mesmo.
Nos últimos anos, o Concello de Ames promoveu diversas actuacións de urbanización e humanización das rúas dos núcleos urbanos co obxectivo de dar un maior protagonismo ao peón fronte ao vehículo rodado, mellorar a mobilidade e buscar un deseño que responda ás necesidades dos usuarios. Esta actuación permite mellorar a comunicación das rúas Madalena e rúa Estivada de Castelao, creando un espazo de estancia e de paso acolledor para os residentes da zona.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que esta actuación vai facer posible ver o avance do Milladoiro que se quere impulsar dende o Concello de Ames: “estamos cos traballos de desescombro e saneamento que nos permitirán demoler a casa e avanzar nunha actuación que temos recollida dentro dos 11 millóns de euros de investimento que posibilitaron os fondos europeos. Seguimos avanzando no Milladoiro do futuro, seguimos mellorando o núcleo máis grande e importante do noso concello”.
Este proxecto consta de varias fases: a primeira, a expropiación do inmoble, foi vinculada ao plan Ames Progresas 2021 – 2023. Unha vez expropiado o inmoble e habilitada a partida económica para a execución da demolición procederase a desenvolver o proxecto a cargo do plan Conecta Ames, dotado cun investimento de preto de 11 millóns de euros.
A actuación de humanización está integrada nun proxecto de vertebración do municipio a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma, que inclúe a conexión peonil e ciclista entre O Milladoiro e Bertamiráns (conexión Milladoiro - Biduído de Arriba – Bugallido – Ortoño - Bertamiráns); a recuperación de espazos públicos periurbanos como as rúas Ameixeiras e Juan Bueno Bueno, Bugallido, corredoira de Ortoño, Guimaráns, Buceleiras e Ortoño ata chegar á rúa Alcalde Lorenzo.
O plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 10.912.878 euros. De dito importe o Concello de Ames vai sufragar 6.547.727 euros (60%), a través de fondos europeos FEDER da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), mentres que o 40% restante, que ascende a 4.365.151 euros, terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Comienza el derribo de la casa nº 6 para unir rúas y humanizar O Milladoiro"








