Solapas principales

Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames

Sábado, 04 de diciembre de 2021

As actuacións, que comezaron co acondicionamento de preto de catro hectáreas de terreos, corresponden ás anualidades 2021-2022 do plan de prevención e defensa contra lumes forestais do Concello de Ames, en funcionamento dende o ano 2017. Os traballos continuarán coa plantación dunhas 900 árbores caducifolias autóctonas nunhas zonas que deberon ser traballadas no 2020, pero que por mor da situación epidemiolóxica tiveron que esperar ata este curso. O plan de prevención, con financiamento municipal, conta cun orzamento duns 80 mil euros para o período 2020 – 2021.

Foi durante os últimos días do pasado mes de novembro cando se deron os primeiros pasos para adecuar unhas catro hectáreas de terreos en Montemaior e Ventosa, co fin de transformalos en faixas secundarias de seguridade contra os lumes. Nas leiras, que xa contaban cun plan de plantación elaborado pola brigada municipal, realizáronse rozas mecanizadas e manuais e abríronse buratos para a plantación mediante afuracado, antes de comezar a plantar as futuras árbores, aboalas e titorizalas.

Nesta volta da actividade, está previsto plantar preto de 900 árbores, maioritariamente castiñeiros, cerdeiras e carballos. Estas especies irán acompañadas doutras frondosas autóctonas, como bidueiros, noceiras ou freixos. A actuación é parte da quinta fase do plan de prevención contra lumes forestais, que como primeiros obxectivos ten rematar os traballos pendentes da cuarta fase en Montemaior e Ventosa, ademais de comezar no ámbito 10 (A Condomiña – A Tarroeira). O total da quinta fase continuará despois de presentarlle o plan á veciñanza, nunha reunión que manterán con representantes do goberno municipal nos próximos días.

A situación epidemiolóxica ao longo do ano 2020 impediu que se desenvolvesen parte dos traballos programados para a anterior anualidade. Agora, a brigada forestal, formada por un capataz e dous peóns durante cinco meses, redobra os seus esforzos para atender as actuacións pendentes e os novos ámbitos a cubrir. As funcións da brigada, ademais das relativas á plantación, inclúen a caracterización dos terreos, a proposta de plans de repoboación, a selección de especies e o seguimento das faixas, feito en colaboración coa veciñanza. É tamén chave para o funcionamento do plan a labor de localizar aos propietarios e propietarias das leiras abandonadas, así como a mediación coas persoas donas de terreos incluídos nas faixas de seguridade.

Compromiso coa prevención de lumes forestais

Ames conta dende o ano 2017 cun plan de prevención e defensa contra lumes forestais, baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, o Concello busca, ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención. O plan municipal conta cun orzamento para o período 2020 – 2021 de 80.079,70 euros, distribuído nunha partida para persoal de 42.079,50 euros e outra para traballos de selvicultura e plantación de 38.000,20 euros.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, reafirma o compromiso do seu departamento coa prevención dos lumes e a conservación do medio. “Dende o Departamento de Medio Ambiente apostamos firmemente por este proxecto, que a parte de axudar a protexer os nosos núcleos ante posibles incendios forestais axuda a manter a biodiversidade dos montes, ademais de poñer en valor especies de  árbores que sempre estiveron presentes na nosa paisaxe e na nosa cultura”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames plantará 900 árboles bomberos en la quinta fase del plan de prevención de incendios"

El Correo Gallego: "Plantan 900 árboles caducifolios como barrera contra los incendios"

Compostela 24 Horas: "Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames"

Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames

Multimedia

  • Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames
  • Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames
  • Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames